SANTIAGO .- Para ADEGA, as especies invasoras teñen afectado á biodiversidade nativa en case todo o planeta e son unha das principais ameazas á biodiversidade. Dende o século XVII, as especies exóticas invasoras teñen contribuido á extinción do 40% das especies animais desaparecidas dende entón. Contribúen a incrementar a pobreza, afectando á agricultura, ás pesquerías e aos sistemas naturais, base dos recursos de millóns de persoas. Estes danos agrávanse coa globalización, o cambio climático a perda dos hábitats… e detrás de todo está a acción humana. Debemos afrontar a nosa responsabilidade na perda da biodiversidade planetaria, comezando por tomar medidas no noso entorno máis próximo. Porque en Galiza, o impacto das especies invasoras é cada vez máis importante e, nalgúns casos, xa irreparábel.
En decembro de 2000, a Asemblea Xeral da ONU designou o 22 de maio como Día Mundial da Biodiversidade, para comemorar a sinatura en 1992 do texto da Convención Internacional para a Diversidade Biolóxica en Nairobi (Kenia).
No entanto, o número de especies en perigo e de hábitats ameazados continúa a medrar, apesar da cada vez máis ampla lexislación proteccionista. A conservación da diversidade natural fica sempre á cola das prioridades reais e dos compromisos orzamentarios das administracións. Galiza ten unha das máis ricas biodiversidades de Europa e até o de agora, as administracións non souberon estar á altura: temos a menor Rede Natura 2000 (o 12%) de todas as autonomías, moi por baixo da media estatal (25%), e a prometida ampliación non acaba de chegar. O retraso na redacción e aplicación dos PORN (Planos de Ordenamento dos Recursos Naturais) e PRUX (Planos Reitores de Uso e Xestión) é escandaloso, por no falar dos Planos de Conservación e Recuperación das especies ameazadas, case inexistentes, e do feble compromiso na loita contra as especies invasoras.
Mentres, unha variada planificación sectorial (acuícola, enerxética, de infraestruturas, urbanística…) vai minguando a nosa biodiversidade mesmo nas áreas protexidas, orientadas prioritariamente ao turismo masivo.
Galápagos da Florida, carpas vermellas, cangrexos e visóns americanos, herbas do coitelo, eucaliptos, acacias, herbas da Pampa… convertéronse xa en habitantes permanentes do noso medio, mesmo en espazos protexidos! E moi pronto, o mexilón cebra e a Corbicula fluminea (ameixa asiática ou berberecho de río) serán habitantes comúns dos nosos ríos e esteiros, condenando á extinción a especies emblemáticas como o mexilón de río (Margaritifera margaritifera) e causando gravísimas perdas económicas e danos irreparábeis ao marisqueo. Iso sí, se cadra poderán aproveitarse para festas gastronómicas…
Até o de agora, só as organizacións ecoloxistas e os centros de investigación semellan ser os únicos que tomamos verdadeiramente en serio esta ameaza en Galiza. Por iso neste día, ADEGA esixe ás administracións medidas activas encamiñadas a reducir ou erradicar a presenza destas xenoespecies nos nosos ecosistemas, con especial atención aos espazos protexidos. Quén seremos nós sen a fauna e flora galega?