Site icon Crónica3.com A Mariña

Acosados na Capitanía Marítima en Burela por pedir que se cumpra a lexislación lingüística

BURELA .- Tres traballadores da Capitanía Marítima de Burela denuncian acoso laboral por defender o uso do galego, e din sentirse discriminados e excluídos, por parte dos seus superiores. Explican que a discriminación comezou a ser máis visíbel cando se dirixiron ao capitán marítimo en Burela, Rafael Casanueva Alonso, para lle demandaren o cumprimento da lexislación estatal, autonómica e europea en canto ao uso da lingua na Administración Xeral do Estado.

Nota de Prensa

Tres traballadores da Capitanía Marítima de Burela denuncian acoso laboral por defender o uso do galego

Os seus superiores mesmo lles prohibiron expresamente empregar o seu idioma nunha vila na que máis do 90 por cento da poboación é galegofalante

Os tres sufriron consecuencias para a súa propia saúde e dous deles están de baixa

Burela, 6 de maio de 2009.- “Acosados, discriminados e excluídos”. Así é como se senten Brais Fernández Prieto, Carmen Ferreiro Seoane e Manuela Arias Estévez, os tres traballadores da Capitanía Marítima de Burela que esta tarde compareceron ante os medios de comunicación para denunciaren a situación de acoso laboral á que se ven sometidos por parte dos seus superiores desde que hai cinco meses e medio lles solicitaron que se cumprise a lexislación en materia lingüística. Estas tres persoas, tal e como explicaron aos medios de comunicación, están collendo baixas “que os nosos médicos non dubidan en informar como transtornos de ansiedade provocados pola situación de acoso laboral”.

“Todo isto comezou por non nos deixaren escribir nada en galego en Burela, onde máis do 90 % da poboación fai a súa vida neste idioma, onde unha porcentaxe altísima dos administrados e administradas se dirixe á Administración da Capitanía Marítima en galego, e onde o 0 % dos expedientes se tramita na nosa lingua”, explicou Brais Fernández.

A discriminación comezou a ser máis visíbel, segundo os traballadores, no momento en que estes se dirixiron ao capitán marítimo en Burela, Rafael Casanueva Alonso, para lle demandaren o cumprimento da lexislación estatal, autonómica e europea en canto ao uso da lingua na Administración Xeral do Estado, e que se marcasen unhas directrices para evitar o conflito que el mesmo estaba xerando.

Aos traballadores, tal e como relataron esta tarde en Burela, prohibíuselles explicitamente realizaren documentos en galego e da Capitanía retirouse o único impreso que existía na nosa lingua. “Tamén nos puxeron mil problemas para podermos presentar unha solicitude de días de vacacións ou de asuntos médicos, ou do que for polo único feito de estar en galego”, asegurou Brais Fernández Prieto, un dos afectados.

“Ante a absoluta negativa do capitán marítimo, mesmo a facer unha consulta a organismos superiores, dixémoslle que nos viamos obrigados a comunicarnos nós directamente con instancias superiores para que non nos pisase os nosos dereitos como galegos e como traballadores da Administración”, relatou Fernández Prieto.

O traballador da Capitanía Marítima de Burela explicou que enviaron escritos á Oficina das Linguas Oficiais (dependente do Ministerio de Administracións Públicas) e á Subdelegación do Goberno en Lugo, onde denunciaban o uso de toponimia deturpada ou o incumprimento da norma xurídica (Real Decreto 1465/1999) que fala da imaxe institucional da administración periférica do Estado, segundo a cal os impresos de solicitude que están a disposición do público deben estar nas linguas cooficiais de Galiza e as cabeceiras dos documentos que se impriman deben estar tamén nas dúas linguas, entre outros aspectos.

A partir dese momento, e tal e como relataron os tres traballadores, “o capitán marítimo, coa total complicidade do coordinador de Seguridade Marítima, José Ángel Iglesias, toma unha serie de medidas que son máis que sospeitosas”. Segundo informou Brais Fernández, “as miñas dúas compañeiras foron cambiadas de posto sen recibiren nin instrucións de traballo nin ordes de aprendizaxe para as súas novas funcións, e a min marcáronseme unhas pautas de actuación (como inspector de seguridade marítima) distintas ás dos meus compañeiros”. “Restrínxeseme o acceso á información, dificúltanseme as comunicacións con armadores e estaleiros, limítase a miña capacidade de traballar, e en definitiva, entorpéceseme o traballo”, engadiu.

Segundo os traballadores afectados, “estas accións, totalmente desmedidas van acompañadas de más caras, berros, faltas de respecto, falta ou exceso de carga de traballo etcétera”. Para Brais Fernández, detrás deste comportamento ocúltase “o pánico a que denunciemos ante instancias superiores máis cousas”, en relación con outras supostas más praxes que tamén deu a coñecer publicamente na conferencia de imprensa.

Os tres traballadores puxeron os feitos en coñecemento do subdirector xeral de Coordinación e Xestión Administrativa, Emilio Arribas Peces, encargado de persoal na Dirección Xeral da Mariña Mercante, “para tratarmos de buscar unha solución e que a situación de acoso rematase dunha vez”. Tamén o puxeron en coñecemento do subdirector xeral adxunto de Coordinación e Xestión Administrativa, José Piñero, así como do subdelegado do Goberno en Lugo e do representante da Oficina das Linguas Oficiais, Ignacio Casas Santero, sen que até o de agora o problema fose solucionado. Segundo relatan os afectados “cinco meses e medio despois de que todo isto comezase, a nosa situación de acoso laboral chegou ao límite do que se pode soportar”. Cabe sinalar que, nestes momentos, dúas das persoas afectadas están de baixa.

Na conferencia de imprensa realizada en Burela, ademais dos tres traballadores afectados, estiveron prestándolles o seu apoio o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón; o secretario comarcal da CIG da Mariña, Xorxe Caldeiro; e María José Novoa, delegada sindical de Comisións Obreiras, así como varios veciños da comarca.

Segundo o presidente da Mesa, “casos coma os que hoxe denunciamos, totalmente intolerábeis, demostran máis unha vez que se segue a discriminar á xente polo simple feito de usar o galego, nun sector, o da Administración do Estado, que é un dos que máis incumpren a lexislación en materia lingüística, algo do que xa teñen alertado en numerosas ocasións organismos internacionais como o propio Consello de Europa”. “É por iso que o vindeiro 17 de maio chamamos a toda a sociedade a unirse á manifestación en defensa da nosa lingua, que baixo o lema O galego, a nosa columna vertebral. O idioma que nos une! se vai celebrar en Santiago de Compostela”, explicou Callón, para quen “non podemos permitir que continúen a propagar mentiras en contra da nosa lingua mentres que cada día moitas persoas seguen a pagar un inxusto prezo por querer vivir no idioma propio de Galiza”.

Exit mobile version