Site icon Crónica3.com A Mariña

Ábrese a matricula para o curso de veran en Burela sobre inmigración e desenvolvemento local

BURELA (FNC) .- A vindeira semana ábrese o prazo para inscribirse vía internet no curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela que se celebrará do 13 ao 17 de xullo no Concello de Burela. Este curso denominado Inmigración e desenvolvemento local: as claves educativas e sociais conta co recoñecemento como actividade homologada de formación permanente do profesorado non universitario por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Diploma de asistencia e créditos de libre configuración
Os/as asistentes ao curso de verán terán dereito a un diploma no que constarán o título do curso, o número de horas e a asistencia. Os/as estudantes da USC recibirán, ademais o certificado dos créditos de libre configuración (2 créditos). É requisito tanto para a obtención do diploma como do certificado do crédito a asistencia regular, cando menos, ao 80% das horas lectivas.
Bolsas
Ofrécense 3 bolsas de matrícula gratuíta. O prazo para realizar o pedimento de bolsas remata o vindeiro 22 de maio de 2009. Para a avaliación das peticións de bolsa terase en conta o expediente académico.
Importe da matrícula
Taxa xeral: 120 €. Taxa reducida: 70 €. Aplicable a estudantes de calquera universidade ou en estudos de formación profesional, persoas desempregadas e PDI e PAS da Universidade de Santiago de Compostela.

Prazo de matrícula
Ábrese o prazo:
•    En liña por internet: a partir de 25 de maio (www.usc.es/cultura)
•    Presencial: a partir de 15 de xuño.
Acaba o prazo: 3 de xullo. Non será posible matricularse fóra destes prazos.
O curso está dirixido por Miguel Anxo Santos Rego, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e o responsable da secretaría é Marcelino Luna, profesor de ensino secundario e director do IES Monte Castelo de Burela. Dito curso terá unha duración de 30 horas lectivas e o límite de alumnos está nos 100.
Segundo explica a concelleira de Educación, Lucía Bouza, os obxectivos pasan por “estudar as claves que definen a importancia dos fluxos migratorios no actual panorama de globalización e a súa incidencia sobre as identidades e trazas as oportunas implicacións socio-educativas da inmigración na vida local de Galicia, plantexando propostas susceptibles de ser artelladas e desenvolvidas de cara á optimización da xestión de iniciativas e proxectos”.

Exit mobile version