SANTIAGO .-A Xunta de Galicia adiantará 70 millóns de euros aos titulares de explotacións leiteiras galegas ata o cobramento do pagamento único. O Goberno galego autorizou, na súa xuntanza de hoxe, unha orde de axudas que ten por obxecto contribuír a paliar o difícil momento polo que atravesa o sector lácteo.
Comunicado
A XUNTA ANTICIPARÁ 70 MILLÓNS DE EUROS AOS TITULARES DAS EXPLOTACIÓNS LEITEIRAS GALEGAS ATA O COBRAMENTO DO PAGAMENTO ÚNICO
Cada gandeiro poderá acceder, como máximo, a unha contía equivalente ao 90% das cantidades solicitadas na campaña 2009 das axudas de pagamento único e do pagamento adicional
A Xunta intenta paliar o difícil momento polo que atravesa o sector lácteo na nosa Comunidade
A Xunta de Galicia adiantará 70 millóns de euros aos titulares das explotacións leiteiras galegas ata o cobramento do pagamento único. O Goberno galego autorizou, na súa xuntanza de hoxe, unha orde de axudas que ten por obxecto contribuír a paliar o difícil momento polo que atravesa o sector lácteo na nosa Comunidade e evitar así o peche das explotacións máis afectadas.
O Goberno galego financiará, segundo a orde aprobada hoxe, os xuros e as comisións de apertura dos préstamos. A Consellería do Medio Rural asinará, con este fin, convenios coas principais entidades financeiras que operan en Galicia. Os préstamos,que os titulares das explotacións leiteiras de Galicia poderán solicitar antes do vindeiro 31 de xullo, terán unha contía igual ou inferior ao 90% das cantidades solicitadas na campaña 2009 das axudas de pagamento único e do pagamento adicional.
As axudas establecidas na orde consisten na bonificación da comisión e da totalidade dos xuros dos préstamos que os beneficiarios subscriban coas entidades financeiras colaboradoras, co obxectivo de que os solicitantes poidan dispor do 90% das cantidades solicitadas por un prazo máximo de 9 meses sen custo para o gandeiro.