O artigo 5.1 do noso Estatuto de Autonomía déixao moi claro e evita distorsións á hora de entender ou interpretar cal é o idioma de tódolos cidadáns españois que ostentan a condición política de galego/a: -“A lingua propia de Galicia é o galego” e correspóndelle os poderes públicos galegos a súa promoción e a ensinanza da lingua galega.
Un dia destes quizais estes “señoritos” e así como na miña aldea se chamaba a dona do pazo e do pobo e que por certo era a única que faba castelán no entorno, pídanse retirar das bibliotecas públicas os libros en galego para que os seus fillos non teñan opción de poder preguntarse cal é o motivo polo cal eles non poden ler a Castelao, Blanco Amor, Rosalía de Castro, etc… De tódalas formas era hora de recordar aquelo de o Rivas de que “ Os libros arden mal”.
O castelán, en Galicia, é como o eucalipto, todos vemos que domina a paisaxe, que nace e medra moi ben, que produce grandes rendementos a curto prazo, din que 6000 euros hectárea e ano que despraza e substitúe a flora autóctona…
Pero no fondo, todos os mariñans sabemos que o eucalipto non é unha árbore propia de aquí, o eucalipto o é de Australia, o castelán, de Castela, que empobrece os solos e favorece os lumes un, que fainos esquecer a nosa cultura e tradición o outro, que seca as fontes, as da auga e as da fala, e que fainos perder a identidade da nosa paisaxe, nosa flora e nosa fauna silvestre, dos nosos sons e os nosos nomes…
O 17 de maio, estaredes na manifestación de Compostela a pro da língua e plantarei un carballo diante da casa…
Por iso eu, que dende o de Nunca Mais non participei nunha“manifa” volvo a coller a pancarta e, como di Joaquin Carbonell, mollándome o cu aquí estou outra vez, desafinando aquelo tan manido dos Tamara A SANTIAGO VOU LIXEIRIÑO, CAMIÑANDO e co meu paragüiñas por si a choiva , lixeiriño, suspirando por os bos e xenerosos Galegos que están esperando…..alí coa miña familia defenderemos que non se volva a “longa noite de pedra” de Celso Emilio.
Pero deixemos a voz do poeta Darío Xohán Cabana que di isto moito mais “bonito” ca min:
Venceredes vós.
Pero nosoutros
temos da nosa parte
os carballos de abril,
as espadanas, a ouricela,
o pan de sapo, as beloritas,
a ra de San Antón, o vagalume,
a troita, a vacaloura,
o xabaril e o corzo,
o mascato e a rula.
Venceredes vós,
pero nosoutros
temos da nosa parte
o Cadramón, o Piapáxaro,
o Cabo de Home, a illa
de San Simón, o lusco, o fusco,
o Castromao, o Xallas, as lagoas
innumerables de Valverde,
ou de Antioquía, o labirinto
de Mogor, as encuastras
de Novelúa, o edículo
de San Miguel de Celanova,
o dolmen de Dombate.
Venceredes vós,
romperedes a infinda
cadea que nos une
coas trabes do mundo,
pero nosoutros
mergullamos a boca
nos mil ríos de sague
que estercaron a patria,
e no noso partido
militan todos os defuntos
que nos poñen aínda
a bosta nas zocas,
o cheiro a argazo nos fuciños,
o trono da forxa nas orellas,
a terra que xa son nas unllas.
E as feridas de ferro
ou negro chumbo e pólvora
nos corazóns atribulados.