NOTA DE PRENSA
O Grupo Parlamentario Popular acordou hoxe a súa designación para tal responsabilidade
EMMA ÁLVAREZ CHAO, PRESIDIRÁ A COMISIÓN DE AGRICULTURA NO PARLAMENTO DE GALICIA
Santiago, 18 de maio de 2009.- A deputada Emma Álvarez Chao será nesta VIII Lexislatura a presidenta da Comisión 7ª, de Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes. O Grupo Parlamentario Popular acordou hoxe a súa designación para tal responsabilidade, dentro da organización definitiva de funcións dos seus membros.
Concelleira-delegada de Medio Rural e Medio Ambiente no Concello de Lourenzá desde 2007, Emma Álvarez achegará deste xeito a súa experiencia na materia ao traballo do Grupo Parlamentario do seu partido, que recoñece desta forma o seu labor nesta área a nivel local na que constitúe a súa primeira lexislatura como deputada, así como os seus coñecementos profesionais, xa que leva trece anos traballando nunha cooperativa agraria, na que actualmente é responsable de loxística e vendas.
Ademais de presidir a Comisión 7ª, a deputada forma parte tamén da comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos.
Nada en Lourenzá, Emma Álvarez Chao é Diplomada en Ciencias Empresariais, coa especialidade de Empresa Financeira, pola Universidade de Santiago de Compostela.