Site icon Crónica3.com A Mariña

A Europa das oportunidades para a pesca

Por José Manuel Balseiro Orol

Nas presentes datas coinciden dúas citas de gran relevancia para o sector pesqueiro galego: a celebración da feira EXPOMAR, na Mariña lucense e a campaña electoral dos comicios europeos.

Ambas citas son un espazo ideal para falar do futuro da nosa pesca, dos retos e das dificultades pola que están a pasar os profesionais do mundo do mar, moi sensibles ante esta situación de crise económica que estamos a padecer de xeito tan inxusto e como resultado, entre outras moitas razóns, da falta de reacción e políticas activas dos que tiñan a responsabilidade de xestionar os nosos intereses.

O Partido Popular de Galicia parte da premisa de que Europa non debe ser entendida como unha amenza, senón como unha oportunidade. Sen renunciar ás nosas raíces, ás nosas orixes ou ao noso sentimento como pobo diferenciado, estamos diante da oportunidade de valernos dos aspectos positivos dun mundo globalizado e servirnos deles para mellorar a realidade de Galicia e dos galegos.

A UE ten sobrado marxe de manobra para implementar políticas que redunden no benestar de Galicia: aproveitémolo. Nesa liña, os populares centraremos os nosos esforzos en que a nova Política Pesqueira Común (PPC) poida centrarse en garantir aos consumidores comunitarios un subministro de produtos pesqueiros de calidade. Isto é posible se traballamos cun triplo obxectivo: Pola explotación sostible dos recursos, por un sector pesqueiro saneado e eficiente, por unha regulación do mercado que proporcione aos consumidores información clara e veraz sobre a orixe e a calidade dos produtos

No ámbito de devandita reforma o Partido Popular traballará no Parlamento europeo para cambiar, progresivamente o actual e esgotado sistema de TACs e cotas, que tanto ten penalizado á flota galega, por sistemas baseados na xestión mediante o esforzo pesqueiro, máis xusto e sinxelo de controlar –o co que se aforrarán recursos financeiros que poderán ser empregados para outras prioridades da nosa pesca-

Coñecedores das rigorosas normas sanitarias internas ás que están sometidos na actualidade os produtos da pesca e a acuicultura -boa conta disto poden dar os produtores galegos- os eurodeputados do Partido Popular traballarán para lograr unha lexislación que garanta que todos os produtos importados cumpran escrupulosamente as mesmas condicións hixiénico-sanitarias que se esixen aos produtos galegos.

Finalmente, para o Partido Popular é unha prioridade a preservación do maior número de empregos na pesca polo que traballará para lograr a homologación e o recoñecemento das titulacións a escala europea, que elimine problemas administrativos nas contratacións intracomunitarias e fomente a incorporación de mozos ás tarefas pesqueiras nos distintos países da Unión.

Traballemos, en definitiva, pola Europa das oportunidades, tamén para a nosa pesca.

Exit mobile version