Site icon Crónica3.com A Mariña

Ximnastas de Ribadeo e Burela participan no campionato provincial escolar de ximnasia rítmica

BURELA (FNC) .- Burela acollerá o vindeiro domingo 26 de abril o campionato provincial escolar de ximnasia rítima na súa modalidade de conxuntos. Segundo explicou a concelleira de Deportes, Neves Cando, “trátase dun campionato no que se compite no nivel máis básico da ximnasia rítmica e na súa modalidade de equipos. Competirán nas categorías de prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete e os tres primeiros clasificados de cada categoría pasarán á final do campionato galego que se celebrará en Ourense o 31 de maio”.

A edil nacionalista manifestou que “a Burela chegarán unhas 100 ximnastas que pertencen a clubes e escolas deportivas de Vilalba, Rábade, Castro de Rei, Monforte, Sarria, Ribadeo e Burela, e as súas idades oscilarán entre os 6 e os 13 anos. Haberá 8 xuizas da Federación Galega de Ximnasia que puntuarán aos equipos participantes. Dúas puntuarán a dificultade corporal, dúas a dificultade do aparato, outras dúas o valor artístico e dúas máis a execución dos exercicios”.

O campionato dará comezo ás 12 da mañá e durará aproximadamente unha hora. Esta cita foi organizada pola Federación Galega de Ximnasia Rítmica, a Dirección Xeral para o Deporte da Xunta, o Concello de Burela e o Step Club Rítmica que engloba a rapazas de Ribadeo e de Burela.

Exit mobile version