Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acolle a feira “Con queixo, pan e viño, ven ao camiño” do 30 de abril ao 3 de maio

RIBADEO (FNC) .- Ribadeo acollerá do 30 de abril ao 3 de maio a feira Con queixo, pan e viño, ven ao camiño, na que poderán participar ata 90 expositores cos seus productos chegados desde diferentes autonomías e doutros países coma Portugal ou Francia. O alcalde, Fernando Suárez, sinalou na presentación que “esta feira do Camiño Norte, que se vai celebrar en Ribadeo, vai ser do máis importante que teñamos feito nunca aquí. Será durante 4 días na longa ponte do 30 de abril ao 3 maio. É posible grazas a colaboración interdepartamental entre diferentes áreas do goberno galego (da Consellería de Innovación e Industria, a través do Xacobeo e da Dirección Xeral de Turismo, así como da Consellería de Medio Rural) e das áreas de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, coa coordinación das fundacións comarcais da Mariña Oriental e Central”.
O rexedor segueu a contar que “baixo o nome de Con queixo, pan e viño, ven ao camiño  imos facer un evento no parque de San Francisco, nunha carpa de 1.300 metros cadrados con capacidade para 90 stands. Están convidadas tódalas denominacións de orixe de diferentes territorios: Euskadi, Navarra, A Rioxa, Castela, Extremadura, Asturias e, como non, Galicia. Tamén estamos xestionando a presencia dalgúns productos do sur de Francia e de Portugal, co cal lle poderiamos dar unha dimensión internacional a esta feira. Con esto pretendemos que Ribadeo sexa un lugar de encontro, de potenciación do Camiño de Santiago cara ao Xacobeo 2010. Aproveitando unha ponte longa, na que Ribadeo será un destino turístico importante, a xente poderá degustar e mercar productos de máxima calidade, con denominacións de orixen, de queixo, viño e pan”.
Fernando Suárez amósase convencido de que “a xente do noso concello, da Mariña e do Occidente asturiano virá a este evento gastronómico e turístico, que ten un custe de 40.000 euros, cantidade que practicamente toda está financiada por diferentes administracións diferentes ao Concello”.

Exit mobile version