Site icon Crónica3.com A Mariña

Recepción aos integrantes lucenses da selección galega de fútbol sala na Deputación

LUGO .- O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, recibiu ós integrantes da Selección Galega de Fútbol Sala das categorías de base benxamín, alevín, infantil e cadete masculina, logo de proclamárense vencedores do Campionato de España de Fútbol Sala. Entre os deportistas atopábanse Erik e Julio Delgado, do Burela e Roberto Bellas, do Porto Celeiro.

NOTA DE PRENSA

ANTÓN BAO RECIBE OS INTEGRANTES LUCENSES DA SELECCIÓN GALEGA DE FÚTBOL SALA LOGO DE GAÑAR O CAMPIONATO DE ESPAÑA

Os xogadores, con idades comprendidas entre os 8 e os 15 anos, alzáronse co primeiro premio do torneo nas categorías de base benxamín, alevín, infantil e cadete masculina a comezos do mes de abril en Ciudad Real

LUGO, 29 de abril de 2009. O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, recibiu este mércores os 15 integrantes da Selección Galega de Fútbol Sala das categorías de base benxamín, alevín, infantil e cadete masculina, logo de proclamárense vencedores do Campionato de España de Fútbol Sala, no que participaron as distintas seleccións do Estado, e que tivo lugar a comezos deste mes de abril en Ciudad Real. O Pazo de San Marcos acolleu esta recepción á que foron convidados os voceiros dos grupos políticos con representación na Deputación de Lugo.

Na súa intervención, Antón Bao destacou os logros acadados por este grupo de deportistas lucenses nas distintas categorías de base, participando xunto á Selección Galega de Fútbol Sala nun campionato “importante e decisivo” que “coloca os nosos deportistas entre a elite do deporte estatal”, asegurou. Logo disto, o vicepresidente da Deputación recalcou que os triunfos “destes rapaces son un motivo máis de alegría e todo un referente que han de seguir os máis novos”. Alén disto, o nacionalista instou ao resto das administracións a continuar fomentando e impulsando a práctica do deporte de base, sexa cal for a disciplina, en todas e cada unha das comarcas lucenses.

Ao remate do acto, o delegado da Federación Galega de Fútbol Sala en Lugo, Manolo Franco e o vicepresidente da Deputación intercambiaron uns agasallos. A maiores, un dos integrantes da Selección Galega de Fútbol Sala da categoría benxamín entregoulle a Antón Bao unha camisola da Selección Galega, un xesto que o nacionalista agradeceu.

Neste último campionato nacional, Lugo contou cuns representantes de excepción. Na categoría benxamín acudiron á cita en Ciudad Real o sarriano Iago Parga, do equipo Mercedes-Sarria, o monfortino Adrián Díaz, do Colexio Novo, o chantadino Manuel, do club Chantada e, o xogador do Azkar Lugo, Iago Núñez. Pola contra, o tamén xogador do Azkar Lugo e natural de Portomarín, Antonio Capón, foi o único representante lucense na categoría alevín. En canto á categoría infantil a Selección Galega de Fútbol sala convocou o xogador do Azkar Lugo, Álex Diz, e os deportistas Adrián González, do Casás, e  Erik e Julio Delgado, do Burela. O número máis alto de integrantes lucenses osténtao a categoría de cadetes masculina na que participaron Javi Río, Jesús Pérez e Diego Núñez, do Azkar Lugo, Jacobo Seijas, do Guitiriz, Gonzalo López, do Casás e Roberto Bellas, do Porto Celeiro.

Exit mobile version