Site icon Crónica3.com A Mariña

Programa da Rede de Dinamización da Sociedade da Información para maio en Ribadeo

RIBADEO (FNC) .- A iniciativa da Rede de Dinamización da Sociedade da Información do PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información) da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información) é unha das estratexias fundamentais para o desenvolvemento das políticas de inclusión na S.I. e o desenvolvemento rural. A Rede de Dinamización da Sociedade da Información axudará a levar a cabo actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información. A Rede conta con 100 dinamizadores e dinamizadoras, espallados pola xeografía galega en diferentes entidades, que desenvolven charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital e outros de moi variada temática, adaptándose ás diferentes necesidades dos colectivos sociais tales como mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración co Concello de Ribadeo, anuncia novos obradoiros de achegamento ás Novas Tecnoloxías que terán lugar no mes de maio nesta localidade. Os obradoiros que se van desenvolver e as datas nas que terán lugar son:

* “Iniciación á Informática”: con este obradoiro os/as usuarios/as serán capaces de manexar con certa soltura os obxectos (arquivos, cartafoles, ferramentas…) e funcionalidades básicas que ofrece un computador. Desenvolverase do luns 4 ao xoves 7 de maio con horario de 16:30 a 18:00 horas.
* “Iniciación a Internet”: os/as usuarios/as con este obradoiro serán capaces de empregar, de forma básica, aplicacións e ferramentas fundamentais relacionadas coa rede Internet. Realizarase do día 11 ao 13 de maio dende as 16:30 ás 18:00 horas.
* “Creación dunha conta de correo electrónico”: con este obradoiro, que se fará en dúas quendas, preténdese que os/as usuarios/as sexan capaces de crear e xestionar contas de correo electrínico. Realizarase os luns e mércores, do 18 ao 27, de 17 a 18 horas. E os martes e xoves, dende o día 19 ao 28, impartirase tamén a mesma hora de 17 a 18 horas.
* “Mecanografía”: con este obradoiro preténdese que os/as usuarios/as sexan capaces de escribir con tódolos dedos e sen mirar ao teclado do computador. Terá lugar todos os venres do mes, do 8 ao 29, en horario de 11:00 a 12:30 horas.

Tamén esta prevista unha charla sobre “Memoria de Oficios” para o xoves 7 de maio desde as 18:00 ata as 20:30 horas. Nela, a Dinamizadora da Sociedade da Información, Maika Prieto, falará da iniciativa que está prevista realizar no mes de xuño no Centro de Dinamización de Ribadeo.

Asemade, polo día 17 de Maio (Día das Letras Galegas, Día de Internet e Día Mundial das Telecomunicacións), realizarase unha actividade na Aula de Dinamización de Ribadeo, o concurso “Reserva un espazo da túa vida para as Novas Tecnoloxías” o xoves 14 de maio desde as 16:00 ás 20:00, no que haberá dúas quendas.

Para inscribirse ou para solicitar máis información poden dirixirse ao Centro de Dinamización de Ribadeo, sito na rúa Antonio Otero, 15, 2º andar, chamar ao teléfono 982.120.732 ou mandar un correo electrónico ao enderezo telecentroribadeo@gmail.com.

Exit mobile version