Site icon Crónica3.com A Mariña

Para o alcalde de Ribadeo a subestación eléctrica esta sendo usada como arma electoral

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, desminte “as declaracións efectuadas nas últimas horas nas que algúns voceiros da oposición aseguraban que Begasa pode dar perfectamente subministro de enerxía ao polígono industrial sen ter en conta á liña desta subestación”.

O rexedor engade que “aporto o protocolo asinado o 31 de xullo de 2008 para facer este desmentido. O espírito dese protocolo é que Begasa non ten inconveniente e non vai poñer ningún problema en dar subministro eléctrico para o que ten que ver coa construción do polígono. E eu quero dicir e podo ir máis aló, e quizais o diga sin telo contrastado coa propia Begasa, que quizais nos primeiros momentos de funcionamento do polígono, xa que non sei vai encher en tres meses senón que lle levará un tempo, pois quizais sí que Ribadeo teña capacidade enerxética para dar subministro aos primeiros momentos de vida deste polígono industrial”. Fernando Suárez sinala que “non así cando se vaia enchendo de empresas, para eso sí que ten que estar operativa a subestación eléctrica, e esto podo dicilo eu, porque eu sí que estiven presente como non podía ser doutra maneira, en tódalas reunións a múltiples bandas entre a Consellería de Industria, Sepes e Begasa e no seu momento asinada e refrendada pola súa titular E.ON”.

A estipulación quinta dese protocolo asinado o 31 de xullo de 2008, entre o Concello, a Consellería de Insdustria, Sepes e Begasa di así: “O calendario previsto inicialmente axustarase á obtención dos permisos e autorizacións necesarias. Non obstante, BEGASA comprométese a garantir a subministración eléctrica ao parque empresarial de Ribadeo, á finalización das súas obras de urbanización, sempre e cando os prazos de execución da construción da LAT aérea e a subestación non se demoren por causas alleas a BEGASA. No caso de que tal circunstancia se producise, BEGASA procurará facilitar unha solución provisional de forma que poida garantirse polo menos a subministración eléctrica da obra durante a edificación das naves”.

O rexedor asegura que “algúns portavoces da oposición por desgastar ao goberno e por desgastar ao alcalde están convertendo este asunto nun auténtico culebrón de telenovela. Eu non sei quen é o héroe e quen é o villano, pero desde logo que están tendo todos os papeis para seren os villanos nesta telenovela que están montando”.

Exit mobile version