Site icon Crónica3.com A Mariña

O sábado concerto xuvenil na Casa da Cultura de San Cibrao

CERVO .- O Auditorio da Casa da Cultura de San Cibrao acollerá este sábado un concerto do grupo xuvenil OS DOUS DE SEMPRE. Saídos da canteira do Grupo Folclórico Mistura de Lieiro, Ricardo García -á gaita galega- e Xulián Rodríguez -ao acordeón- formaron no 2008 este dúo que mostrará ao público unha grande variedade de ritmos e melodías da música popular e tradicional galega.

Ricardo e Xulián son ademais veciños da localidade de San Cibrao e membros do grupo folk Clan Maragato que está en pleno proceso de elaboración dunha maqueta nos estudios Abrigueiro. Con OS DOUS DE SEMPRE ofrecen un amplo repertorio musical con arranxos feitos por eles mesmos, o que dá lugar a unha sonoridade única.

O concerto dará inicio ás 20.00 horas, no Auditorio Municipal da Casa da Cultura de San Ciprián e esta aberto ao público en xeral. Todos aqueles que queiran gozar da boa música galega e tan só será necesario pagar unha entrada simbólica ao prezo de 1,50 euros destinados ás distintas actividades que desenvolve a asociación cultural ARROUTADA.

Sen lugar a dúbidas San Ciprián é unha cita obrigada este sábado grazas ao amplo repertorio de actividades programadas para ese día. De feito tras o V ENCONTRO DE PALILLEIRAS que acollerá a unha multitude de artesás dos bolillos, tamén os mozos e as mozas teñen unha actividade especialmente dirixida para eles coa actuación de OS DOUS DE SEMPRE. A Concelleira de Cultura e Xuventude do Concello de Cervo, Chelo Gallego valora dun xeito positivo que agrupacións musicais locais como é o caso desta poidan facer uso do novo Auditorio Municipal, caracterizado polas súas estupendas condicións acústicas e convida a veciños e visitantes e non perderse este concerto.

Exit mobile version