A presentación da programación tivo lugar no Muse do Mar e contou coa presenza do delegado da Área de Cultura da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, e do presidente de Mariñapatrimonio, Francisco Luís Rodríguez Guerreiro.
NOTA DE PRENSA
O MUSEO DO MAR DE SAN CIBRAO ACOLLERÁ O CICLO HISTORIA DE GALIZA QUE ORGANIZA MARIÑAPATRIMONIO
Antonio Veiga lembrou que as instalacións do museo están ao dispor das asociacións da zona para pór en marcha iniciativas culturais coma esta na que se pon en valor “a nosa propia historia”
LUGO, 14 de abril de 2009. O delegado da Área de Cultura da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, presentou este martes o primeiro dos catro ciclos de conferencias que MariñaPatrimonio organiza nos vindeiros meses e que leva por título Historias de Galiza. Este primeiro simposio terá lugar os días 18 e 25 de abril e o 9 e o 16 de maio nas instalacións do Museo do Mar de San Cibrao. O presidente de entidade organizadora, Francisco Luís Rodríguez Guerreiro acompañou a Veiga no transcurso da presentación, momento que aproveitou para agradecer a súa colaboración e predisposición no que atinxe a todo o relacionado con este proxecto.
Un total de catro conferencias compoñen o ciclo Historia de Galiza. A prehistoria, a Muralla de Lugo no contexto histórico da cidade, a idade media e os cambios do século XIX na Mariña de Lugo son os catro temas en torno aos que xira o citado simposio. A primeira das conferencias terá lugar o 18 de abril ás 19:00 horas a cargo do arqueólogo Antonio de la Peña Santos. O día 25 do mesmo mes, ás 17:30 horas o Museo do Mar da San Cibrao acollerá o relatorio de Adolfo de Abel Vilela. Xa no mes de maio, os días 9 e 16, ás 18:30 horas, desenvolveranse as dúas conferencias restantes da man de Anselmo López Carreira e Prudencio Viveiro Mogo, respectivamente. A maiores, os asistentes realizarán unha viaxe en cada unha das xornadas – 11:00 horas, saída estimada- aos castros da Mariña, á Muralla de Lugo, aos concellos de Valadouro e Mondoñedo e, por último, aos Pazos existentes na zona da Mariña.
Na súa intervención, Antonio Veiga salientou a importancia da posta en marcha de iniciativas coma esta ao tempo que lembraba que o Museo do Mar “é un espazo aberto e lugar de encontro para todas e cada unha das asociacións existentes na comarca da Mariña”. Deste xeito, o delegado da Área de Cultura da Deputación de Lugo recordou que “as instalacións deste museo están ao dispor deste tipo de entidades ou de calquera outra para pór en marcha proxectos innovadores e enriquecedores para a sociedade e mais concretamente para todos os veciños e veciñas da Mariña”. Poñer en valor a “nosa propia historia” é un dos aspectos que converten o ciclo Historias de Galiza nun evento de gran interese para todo o público en xeral, asegurou o nacionalista.
Pola súa banda, o presidente de MariñaPatrimonio comentou que nos vindeiros meses terán lugar outros tres ciclos. O primeiro deles Arredor do Mar terá lugar o día 30 de maio. Os dous ciclos restantes, Literatura Oral e as I Xornadas de Arqueoloxía Industrial está previsto que se desenvolvan durante os meses de xuño e xullo.
O prazo de inscrición neste primeiro ciclo titulado Historia de Galiza continúa aberto. Os interesados poden poñerse en contacto coa asociación organizadora MariñaPatrimonio a través do teléfono 690 650 542 ou no seguinte enderezo electrónico: mr.patrimonio@gmail.com.