Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acordou por unanimidade concederlle a medalla de ouro a título póstumo a Calvo-Sotelo

RIBADEO (FNC) .- A Corporación aprobou por unanimidade concederlle a medalla de ouro a título póstumo ao ex presidente do Goberno, Leopoldo Calvo-Sotelo y Bustelo. Será nun pleno extraordinario previsto para o vindeiro sábado ás 17:00 horas no Concello de Ribadeo. Así comezarán os actos de homenaxe a quen fora alcalde honorario desta vila e Marqués da Ría de Ribadeo. Tamén o sábado ás 18:30 horas terá lugar no Cine Teatro a presentación do libro homenaxe a Calvo-Sotelo e un pequeno recital de habaneras.

E xa o domingo ás 11:30 horas procederase ao descubrimento do altorelevo no peirao que xa foi colocado hai uns días, pero que permanecerá oculto ata esa xornada. O altorelevo en bronce foi costeado coas achegas económicas realizadas ao longo dos últimos meses polos veciños de Ribadeo, empresas e institucións que queren render deste xeito unha homenaxe a un dos seus persoeiros máis ilustres, ademais da familia Calvo-Sotelo. A este acto do domingo está previsto que asistan o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro e o subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, entre outras autoridades.

No pleno celebrado onte no Concello aprobáronse por unanimidade o resto dos asuntos que foron a pleno. O expediente relativo á investigación da titularidade dunha fonte pública en Porto de Arriba en Vilausende. O alcalde, Fernando Suárez explicou que “acordouse abrir un procedemento de estudio para declarar público o que desde o Concello a nivel técnico se entende que é público e que sempre foi así e se abre agora un prazo para presentar probas”. Tamén se aprobou cos votos favorables de todos os grupos políticos a iniciación do expediente de desafectación e permuta en A Ponte-Arante. O rexedor explicou que “a instancias da asociación de veciños se lle pide ao Concello que se permita a permuta dun vial público de acceso ao campo da festa por unha parceliña dun veciño colindante para que os camións das festas poidan entrar con comodidade”. Na sesión plenaria de onte tamén se aprobou por unanimidade a adhesión do Concello de Ribadeo ao convenio marco de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e as entidades xestoras dos sistemas integrados de xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos.

PROPOSTA DOS GRUPOS POLÍTICOS DA CORPORACION en relación á concesión de medalla de ouro de Ribadeo a título póstumo a don Leopoldo Calvo Sotelo y Bustelo.

Os Grupos políticos da Corporación como representantes do sentir de todolos ribadenses, cando vai cumplirse o cabodano do pasamento de D.Leopoldo Calvo Sotelo y Bustelo, e considerando, que neste personaxe conflúen especialísimas circunstancias, as da contemporaneidade da súa traxectoria persoal vencellada aos cargos políticos de primeira orde da transición democrática e as da consolidación do estado constitucional coa especial adicación, vencello e apoio ao progreso de Ribadeo e das súas xentes.

Valorando que durante toda a súa vida mantivo unha íntima relación con esta Vila e aínda tendo en conta que como no célebre discurso grego: “Porque dos homes ilustres tumba é a terra toda, e non só a sinala unha inscrición sepulcral na súa cidade, senón que mesmo nos países estraños pervive o recordo que, aínda non escrito, está gravado na alma de cada un máis que en algo material”, realmente Ribadeo foi o lugar do seu destino definitivo, xa que D.Leopoldo Calvo Sotelo aínda que naceu e morreu en Madrid e nesa cidade desempeñou os seus cargos públicos e privados para os veciños e amigos de Ribadeo, era considerado un ribadense máis, que residía en Madrid e que sempre, cando podía, volvía á gozar dos veráns e do tempo de lecer e a pesares de que non era o seu lugar de nacimento, fixoo seu, elixindo tamen para a súa morada definitiva.

O anterior Presidente da Xunta de Galicia definiuno como galego de “sentimento e vocación”, e sendo iso certo, era un galego de Ribadeo ou un ribadense universal, pero tamén Alcalde honorario, Fillo adoptivo e polo tanto do mesmo xeito que outros ribadenses, un membro deste Consistorio, exercente.

Home de reconciliación, diálogo e pacto, como tamén o definiu o Bispo da nosa diocese.

Non é casual, polo tanto que o 25 de xuño de 2002 o Rei Juan Carlos I lle concedese o título de Marqués de da Ría de Ribadeo con grandeza de España.

Cultura, amenidade, sutileza e ironía, como escritor e como persoa, e honestidade e eficacia como político. Home que por iso non ten subscitado inimizades coñecidas senón un coro de loubanza e consideración non só dos seus compañeiros de vida política senón dos antigos adversarios e a gratitude final da Coroa, en nome de todos, como símbolo da unidade e permanencia do Estado como sinala a Constitución.

Non se trata de reproducir aquí o seu cursus honorum que xa foi establecido por la Sra,Concelleira Delegada na instrución do expediente, que tivo que limitarse a unhas dimensións administrativamente razoables e que non pode abordar a dimensión humana entrañable que representa para os ribadenses e o valor que o seu legado de adicación á vida pública e de agarimo a Ribadeo representa para o coñecemento e instrucción de futuras xeracións de ribadenses.

Non bastaba con que dende o 5 de maio de 2008, mirando á Ría dos seus amores se convertise xa nun residente definitivo; era vontade deste Concello que houbese un elemento de permanencia mais alá dunha rúa co seu nome, da que dispoñía, engadindo tamén a presenza dun elemento que sintetizase dalgún xeito a súa persoalidade.

Non só os ribadenses saben que sentiu D.Leopoldo a vocación política dende a súa xuventude e nela seguiu con vigor e con experiencia maxistral en momentos moi difíciles orientando definitivamente a nave do Estado nun horizonte democrático e de integración europea, pero os ribadenses sí saben que nos seus cargos prestou un apoio permanente a Ribadeo e as súas xentes, con Alcaldes de todolos signos políticos.

É sabido que moitas veces na concesión de honras públicas, sempre pode haber discrepantes, o que é normal dentro do marco dunha sociedade democrática e pluralista, pero non é casual que en torno á súa persoa e ademais respecto a esta homenaxe exista un criterio unánime de todolos grupos da Corporación do mesmo xeito que se manifestou tamén o criterio Corporativo décadas atrás cando foi nomeado Alcalde honorario e fillo adoptivo.

Péchase deste xeito, unha traxectoria de honra co recoñecemento público desta Corporación e coa permanencia no recordo que vai representar o altorelevo no porto de Ribadeo.

Pola Xunta de Portavoces, á vista da proposta da Alcaldía e considerando a instrucción efectuada e as especialísimas características e méritos concorrentes en D.Leopoldo Calvo Sotelo y Bustelo pola súa adicación e compromiso con Ribadeo e as súas xentes durante toda a súa vida e como un xeito de mostrar o agradecemento público por iso,

PROPON ao Pleno Municipal a adopción dos acordos seguintes:

1º. A Concesión da Medalla de Ouro de Ribadeo a título póstumo a D.Leopoldo Calvo Sotelo y Bustelo,en sesión extraordinaria convocada ao efecto.

2º. A entrega en acto público solemne, reunida a Corporación en Pleno extraordinario ao efecto, coa debida publicidade, que se celebrará o día 2 de maio de 2009.

Ribadeo, 21 de abril de 2009.

Exit mobile version