Site icon Crónica3.com A Mariña

O cheiro da política na Mariña

Otero Regal

A situación da política na Mariña dende logo que non  é un mar de rosas, fai auga por as catro esquinas, agora que se anuncian congresos e renovación de xentes e ideoloxías e hora de facer algunhas puntualizacións encol do que aquí sucede.
Na nosa política existe a representación directa. O sistema electoral caracterizouse pola total ausencia dunha relación directa entre elector e elixido: non se vota ao candidato senón a listas pechadas que elaboran as direccións dos partidos políticos, non os afiliados os que se lles da todo cocido e ben cocido. Non hai control dos cidadáns cara ao seu representante,o  representante, tanto no Parlamento galego como nos concellos , deputacións e demais  non pode ter criterio propio, convértese nunha máquina de votar o que lle ordenan (ás veces, mesmo, sen saber o que vota) e deixa de exercer como representante dos seus electores para converterse nun representante do xefe do seu partido, que é quen o inclúe na lista. Precisamente o sistema de elección por listas pechadas e bloqueadas constitúe unha das causas fundamentais do deterioro do sistema político. O cidadán non decide en realidade o seu representante senón que debe limitarse a votar unha lista que elaboraron outros. Tamén é explicable que os debates anden escasos, case por completo de argumentos ,xa que non hai que convencer a ninguén: todos actúan por disciplina de voto. En conclusión  deixase de representar a soberanía popular para representar a vontade das cúpulas dos partidos.

Partitocracia é o nome que describiría mellor o funcionamento do noso sistema político. Trátase dunha estrutura política na que son as direccións dos partidos (e non os seus militantes, que nalgúns  casos son mangoneados e si son críticos nin sequera os invitan as asembleas) as que deciden os que serán os representantes e as que exercen un control estrito sobre os membros elixidos, concelleiros, deputados e demais, de maneira que estes non poden ter criterio nin decisión propia.
Os partidos políticos tamén carecen de democracia interna. Por iso, as Institucións quedan dominadas por unhas estruturas burocráticas sen control interno e un control democrático externo demasiado débil. E esta estrutura reprodúcese nos niveis autonómico e municipal. Ante esta falta de mecanismos de control non é estraño que a corrupción e os abusos se xeneralicen sen que haxa forma de poñerlles freo.

Este sistema que padecemos tamén produce unha selección perversa dos representantes e gobernarnos xa que os criterios que acaban contando para ser deputado ou concelleiro non adoitan ser a valía persoal ou profesional nin coa confianza dos votantes nesa persoa. Con demasiada frecuencia, trátase de pasar longos anos medrando nun partido, amosando fidelidade ao líder ata que se decide que pode entrar na lista electoral. Foméntase así a creación dunha casta de políticos que fan do cargo a súa forma de vida. Por iso, o mantemento no poder convértese no obxectivo primordial e a discusión política é máis unha loita pola repartición dos postos que un debate de proxectos de futuro. Así, os concellos que gobernan  tenden a ser percibidos por algúns dirixentes como unha extensión do partido, un enorme paquete de cargos para repartir entre os seus membros tras a loita electoral. En definitiva, ante este inadecuado funcionamento do sistema, as decisións dos políticos tenden a reflectir máis os seus propios intereses e os dos seus partidos que os dos militantes e  cidadáns.

Finalmente, a loita partidista polo poder e os cargos supera os límites e remata estendéndose e contaminando unha boa parte da sociedade civil á que os partidos intentan controlar: sindicatos, asociacións empresariais, intelectuais, artistas etc. Utilizan para iso todo tipo de axudas, subvencións e, en definitiva, gasto clientelar, financiado co diñeiro do contribuínte, para conseguir o apoio. Así, moitas organizacións sociais tenden a aliñarse cun partido político, perdendo tamén a súa independencia.
Por eso, quixera facer chegar estas reflexións a eses congresos que están a caer, quizabes os que non sexan analfabetos funcionais e teñan unha pizca de sentidiño común podan empuxar para cambiar as cousas.
Non son poucos os motivos para formular, de forma urxente e sen complexos, a necesidade de acometer unhas reformas inaprazables do noso sistema político, reformas que fomenten unha representación máis directa dos cidadáns, garantan unha efectiva separación de poderes, provean un eficaz sistema de selección dos políticos, establezan eficaces mecanismos de control do poder e eviten a influencia dos gobernantes nos medios de comunicación.

Exit mobile version