Nota de Prensa
O BNG PREGUNTA AO GOBERNO MUNICIPAL POLO CUMPRIMENTO DOS PRAZOS NA REDACCION DO PXOM
Os nacionalistas queren saber se o concello conta xa co informe previo que debería entregar a empresa redactora o pasado mes de marzo.
Cervo, 4 de abril de 2009. O BNG presentou unha batería de preguntas dirixida ao alcalde para saber si a empresa redactora do Plan Xeral de Ordenación Municipal entregou o informe previo do PXOM no pasado mes de marzo, tal como estaba acordado nas axudas económicas concedidas pola Consellaría de Ordenación do Territorio.
OS RETRASOS NOS TRAMITES ADMINISTRATIVOS PODEN SUPOÑER A PERDA DAS AXUDAS E ADIAR INDEFINIDAMENTE A APROBACION DO PXOM
A Consellaría de Ordenación do Territorio concedía ao concello de Cervo en abril de 2008, axudas plurianuais por un importe total de 79.697 euros para a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal, a partir do cal o goberno municipal asinaba contrato coa empresa redactora no que se inclúen as estipulacións sobre prazos para os distintos tramites administrativos a fin de que sexa entregada a documentación no período previsto.
No acordo para a concesión da axuda da Xunta, o concello comprometíase a ter redactados en marzo de 2009 o informe previo, en febreiro de 2010 a aprobación inicial, en abril de 2011 aprobación provisional e en maio de 2012 aprobación definitiva. O BNG descoñece se o informe previo esta xa a disposición do concello e si e así porque non se informou aos grupos da oposición; de no ter ese documento a disposición, queremos coñecer cales son os motivos do retraso e cales son as previsión para a súa entrega, entendendo que o cumprimento dos prazos previstos e fundamental non so polo perigo de perda das axudas concedidas, senón tamén pola necesidade imperiosa que ten o concello de Cervo de dispoñer dun instrumento como e o PXOM que poña luz sobre cal vai ser a futura ordenación territorial do concello, onde van estar as zonas verdes, urbanizabeis, infraestruturas de comunicación ou as zonas de expansión industrial.
O BNG ESIXE AO GOBERNO MUNICIPAL DILIXENCIA E TRANSPARENCIA NA REDACCION DO PXOM
Para o BNG a redacción do PXOM forma parte das prioridades e esixencias que debe afrontar a actual corporación municipal, así estaba comprometido tanto no noso programa electoral como no das outras formacións políticas con presenza institucional en Cervo; o PP por tanto ten a obriga de axilizar e cumprir os prazos previstos de acordo cos compromisos adquiridos tanto cos cidadáns, como coa Xunta de Galiza que dispón unha partida económica para este fin. O BNG agarda unha contestación satisfactoria ás preguntas presentadas e reclamara a maior transparencia posíbel que permita o acceso á documentación existente nos diferentes tramites do procedemento, tanto aos grupos da oposición municipal como aos cidadáns en xeral.