MADRID .- Os alcalde do Concello de Ribadeo, Fernando Suárez, e o máximo mandatario do Concello de Barreiros, Alfonso Fuente, participaron en Madrid na manifestación en defensa do sector gandeiro convocada por sindicatos de todo o Estado. Desde A Mariña desprazáronse a Madrid catro autobuses cuns 200 gandeiros de te toda a comarca.
Nota de Prensa
O alcalde de Barreiros acompaña os gandeiros que se manifestaron en Madrid en defensa do sector
MADRID (FNC) .- O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, desprazouse a Madrid para acompañar ós gandeiros barreirenses e do resto da comarca da Mariña que esta mañá se manifestan na capital de España en defensa do sector gandeiro. Fuente Parga sinala que “a nosa gandería en Barreiros é moi importante, é un sector con moitos recursos e que lle aporta moito ó noso concello e había que estar aquí con eles”.
O rexedor de Barreiros considera que “o sector gandeiro e o sector lácteo atópanse nunha situación moi complicada e non ven unha solución e unha saída próxima a esta crise de aí que decidisen viaxar, manifestarse e amosar o seu malestar por todo o que lles está a ocorrer. Por iso eu máis outros alcaldes da Mariña decidimos acompañalos nesta xornada”.
Segundo os datos dos que dispón o alcalde de Barreiros uns 200 mariñáns acudiron a esta convocatoria que se celebra en Madrid. Ademais do alcalde de Barreiros, viaxaron os rexedores de Trabada e de Ribadeo e unha representación municipal de Lourenzá.
Nota de Prensa
O alcalde de Ribadeo considera que a crise do sector lácteo pode provocar o peche de moitas explotacións agrarias.
MADRID (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, participa en Madrid na manifestación en defensa do sector gandeiros que convocaron os sindicatos de todo o Estado. O rexedor sinala que “acudín coma alcalde, pero tamén como veciño aproveitando esta convocatoria unánime de todos os sindicatos agrarios, sobre todo por esta situación grave penso que como nunca ten atravesado o sector do agro e o sector lácteo concretamente”.
Suárez Barcia di que “este sector segue a ser estratéxico para nós e para a nosa comarca, a pesares de que se reduciu nos últimos anos, xa que xera traballo directo pero tamén moito emprego indirecto e si un entramado social se nos vai abaixo Iso repercute en todos os demais”. O alcalde ribadense explica que “polo tanto a nosa presencia aquí é de apoio ao sector e tamén para dar un toque de atención ao ministerio para que non permita ese dumping… esas vendas de tantas toneladas de leite que entran no Estado español a prezos moito máis baixos do que costa producir e iso cando menos é unha práctica ilexítima e fraudulenta. E desde logo Iso provoca, ademais de prezos insostibles, a ameaza indirecta de que o leite pode quedar sen recoller en moitas explotacións gandeiras”.
Fernando Suárez considera que “todo isto de non buscar unha solución en breve podería provocar un peche en cadea de explotacións coa conseguinte perda de emprego tanto de postos de traballo directos coma indirectos”.
Catro autobuses partían a pasada noite das inmediacións da cooperativa ribadense Os Irmandiños cuns 200 gandeiros de Ribadeo e doutros puntos da comarca para participar na manifestación que esta mañá percorre as rúas de Madrid para rematar diante do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño.