Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo solicitará que a Xunta amañe a Casa do Mar de San Cibrao

SAN CIBRAO .- O Alcalde de Cervo, Alfonso Villares, expuxo a necesidade de arranxar o edificio da Casa do Mar de San Cibrao e de poñer os seus locais a disposición dos veciños. Villares amosouse convencido da maior sensibilidade, cos asuntos públicos, do novo goberno da Xunta de Galicia, e afirmou que  “temos a seguridade de que neste verán, sexa xa unha realidade a utilización deste edificio por parte da xuventude”.

NOTA DE PRENSA

O ALCALDE DE CERVO, ALFONSO VILLARES, VÉN DE REALIZAR UNHA ROLDA DE PRENSA, EXPRESANDO A NECESIDADE DE ARRANXAR O EDIFICIO DA CASA DO MAR DE SAN CIBRAO E DE POÑER OS SEUS LOCAIS A DISPOSICIÓN DOS VECIÑOS.

Cervo, 24 de abril de 2009. Durante estes anos, a situación de abandono á que se viu sometido o edificio da Casa do Mar de San Ciprián, por parte da Xunta de Galicia, foi máis que manifesta. Desde o Concello de Cervo requirimos, en reiteradas ocasións, tanto en diversas conversas telefónicas como formalmente por escrito, que estas instalacións foran postas ao servizo dos veciños, pero ata o momento, as respostas da administración da Xunta foron dilatadas no tempo ou simplemente non existían.

Remitíronse escritos ás consellerías, tanto ás gobernadas polo Partido Socialista como ás gobernadas polo BNG, e a única resposta obtida foi un escrito da Consellería de Economía e Facenda de data 30 de decembro de 2008, onde unicamente nos din que a Casa do Mar está adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Desde o Concello de Cervo seguimos mantendo que os locais que están desocupados a día de hoxe na Casa do Mar, deben reverter en interese dos veciños e veciñas deste pobo. Deberan ser destinados á xuventude, como puntos de lectura, de xogos ou de encontro. Unha idea que ademais transmitimos ao propios mozos e mozas do noso pobo e que acolleron con satisfacción. O alcalde de Cervo di que, malia a pesar dos numerosos intentos por rehabilitar o uso público deste espazo, o anterior Goberno da Xunta deu a calada por resposta.

A situación de abandono que estábamos a sufrir nestas instalacións quedou aínda máis en evidencia a raíz do temporal Klaus, que provocou que se descubrira a cuberta da Casa do Mar, ocasionando goteiras dentro los locais, dentro do propio Salón de Actos –que está a ser empregado para diversas actividades polos veciños e veciñas- así como o perigo que supón que poidan caer as lousas no parque de San Ciprián, concretamente na zona infantil. Este feito xa se puxo en coñecemento da Xunta mediante tres escritos, pero sen obter resposta algunha a ningún deles.

En parte, “e por desgracia” xa estamos acostumados a esta falta de atención dos anteriores responsables da Xunta de Galicia, posto que no caso de Sargadelos tamén nos mentiron. Comprometéronse a reparar os danos causados polo temporal no Complexo Histórico – Artístico, e polo momento todo segue igual. O peor foi, sobre todo, a falta de palabra dun agora ex – presidente da Xunta que deu a súa palabra de que esa situación se ía arranxar canto antes, e foise da Presidencia con unha deshonra e unha deslealdade cara aos veciños de Cervo.

Na vindeira semana, o alcalde de Cervo manterá unha reunión con responsables da Xunta de Galicia para solucionar a situación do Complexo Histórico – Artístico de Sargadelos neste mes de maio.

Villares está convencido da maior sensibilidade cos asuntos públicos do novo goberno da Xunta de Galicia, ademais de que este Concello recibirá a atención que merecen os nosos veciños e veciñas. Por elo “imos a seguir cos trámites precisos, confiando en dar unha pronta solución a estas cuestións”, coa seguridade de que as instalacións serán postas, agora si, ao servizo de todos os veciños, habilitando locais para a xuventude e para usos múltiples e mantendo os que xa hai e que están utilizando diversos colectivos deste municipio.

“Temos a seguridade de que neste verán, sexa xa unha realidade a utilización deste edificio por parte da xuventude”. “E nese obxectivo imos traballar”.

Exit mobile version