BURELA .- (FNC) O alcalde de Burela, Alfredo Llano, anima ós turistas a disfrutar das procesións de semana santa, das praias e da gastronomía nestas datas. Llano destaca que “contamos cunha semana santa singular e que pouco a pouco se vai facendo cada vez máis importante, debido a que se están a organizar unhas procesións moi bonitas, moi atractivas e de moita participación e penso que merece a pena contemplalas, por exemplo as do xoves e o venres santo ou a do Encontro do domingo. Por eso animo á xente que queira disfrutar da semana santa a que se achegue a Burela porque aquí lles ofrecemos o mellor de nós”.
O rexedor sinala que “en Burela tamén estivemos a limpar estes días as nosas praias, tanto a da Marosa coma a do Portelo ou a de Ril. Por certo que debido á cantidade de oleaxe que houbo neste inverno acumulóuse unha grande cantidade de lixo que houbo que retirar en catro cargas de camión para sacar todo o que alí había, pero agora mesmo toda a xente que queira disfrutar dos nosos areais pode facelo porque xa están listos. Tamén estivemos limpando o Monte Castelo, un atractivo grandísimo desde o que se poden contemplar unhas moi boas vistas de Burela e de todo o litoral como Foz ou Ribadeo… Eu dígolles ós turistas que estes días están pola Mariña luguesa que se acheguen e suban ó Monte Castelo para apreciar dun só vistazo todo o que hai no noso litoral”.
Alfredo Llano comenta que “os nosos restaurantes están preparados para satisfacer as esixencias dos seus clientes que queiran probar os nosos pratos de peixe fresco que son exquisitos. Por tanto misturando os actos relixiosos da semana santa, as praias e a gastronomía fortalecemos a nosa oferta turística, por eso convido a todos os cidadáns a que veñan e coñezan Burela”.