NOTA DE PRENSA
O GPPP LEVA Ó PLENO DÚAS MOCIÓNS QUE AFECTAN ÁS ESTRADAS PROVINCIAS
Lugo, a 25 de abril de 2009.- O GPPP levará ó vindeiro pleno da Deputación unha moción na que insta ó departamento de Vías e Obras a elaborar, no prazo de tres meses, un plano de adecuación dos sistemas de contención existentes para a protección de motoristas nas estradas de competencia provincial. Neste pormenorizado estudo os populares solicitan que se inclúa tamén a temporalización das obras a acometer, así como e súa previsión de financiamento.
A proposta do GPPP ven motivada porque recentemente, en concreto o pasado mes de febreiro, o Ministerio de Fomento licitou as obras de adecuación de sistemas de contención en diferentes tramos de estradas da provincia de Lugo da súa competencia. Unha iniciativa que, ó enteder dos populares é moi positiva para este colectivo e, polo tanto, ampliable ós viais provinciais.
Os populares tamén solicitarán o respaldo do pleno provincial para que a administración provincial acometa obras de mellora nas estradas da montaña lucense e contribúan a favorecer a vertebración desta comarca e, polo tanto, a promover o seu desenvolvemento económico.
En concreto, o GPPP insta á Deputación a arranxar a estrada de Carballido (A Fonsagrada), que comunica Ribeira de Piquín con Asturias; a adxudicar de xeito definitivo a que comunica A Fonsagrada con Navia, no tramo dende Campo de Santa Cruz a Santiso; e a axilizar as obras de mellora no vial que discurre entre Mesón Novo e Sendiña.