Site icon Crónica3.com A Mariña

Luís Rei Núñez gañou o Blanco Amor coa obra Monte Louro

BURELA .-  (FNC) O pasado sábado día catro de abril de 2009 reuniuse en Burela o xurado do XXVII Premio de Novela Longa BLANCO AMOR, integrado por Inma López Silva, Olalla Cociña Lozano, Emilio Xosé Insua López, Santiago Jaureguízar e Armando Requeixo Cuba, asistidos pola Concelleira de Cultura, Neves Cando López en calidade de membro sen voto que actuou como secretaria, e despois das deliberacións correspondentes, acordaron por unanimidade:

Conceder o Premio de Novela Longa BLANCO AMOR á presentada baixo o lema “Arcadia Bis”, que, unha vez aberta a correspondente plica, resultou ser da autoría de LUÍS REI NÚÑEZ (a novela levará o título definitivo de “MONTE LOURO”).

O xurado valorou especialmente a profundidade psicolóxica dos personaxes, a plasticidade e realismo das descricións xeográficas, o coidado estilo e a riqueza da lingua, o verismo dos diálogos, a estrutura e progresión narrativa e, por último, a fondura e delicadeza con que se formulan e resolven as grandes cuestión do ser humano.

Asimesmo o xurado acordou declarar FINALISTAS deste XXVII Premio de Novela Longa BLANCO AMOR as obras presentadas baixo o lema “O pasado aínda está por vir” e “Un último destino”.

A esta XXVII edición do Premio de Novela Longa Blanco Amor presentáranse 25 orixinais. Nunha primeira selección do xurado escolléronse 9 novelas, que quedaron reducidas a 4 para a escolla definitiva. Á parte da novela gañadora, o xurado estimou oportuno resaltar dous títulos máis como finalistas, dada a grande calidade das obras presentadas.

Nos vindeiros días darase a coñecer a data de entrega do premio que terá lugar nun acto público ao que serán convidados e convidadas os membros do xurado, os/as alcaldes/alcaldesas dos concellos patrocinadores deste Premio, entre outras autoridades.

Exit mobile version