CERVO .- O Museo do Mar recibiu esta tarde unha nova peza para os seus fondos. Trátase do vestixio arqueolóxico máis antigo que reflicte a presenza humana da zona de Cervo e foi atopada por un membro de A Mariña Patrimonio, cuxa asociación fixo entrega hoxe da peza ao Museo do Mar de San Cibrao. Antonio Veiga, responsábel da Área de Cultura da Deputación, organismo que xestiona a entidade museística, quixo agradecer á asociación A Mariña Patrimonio o traballo que realizan a prol da conservación do noso patrimonio e loubou a colaboración desta entidade co museo do Mar que depende da Área de Cultura da Deputación.
A peza en cuestión é un útil lítico, datado segundo os expertos consultados de hai aproximadamente uns 300.000 anos, polo que se inscribiría no período denominado Paleolítico inferior, etapa na cal moraban nos territorios que hoxe corresponden ao concello de Cervo os primeiros poboadores. Esta peza arqueolóxica foi atopada no lugar de Pedrosa, onde xa a toponimia fai alusión á profusión de mineral en forma de rocha atopado. Nesta ubicación existen uns notábeis depósitos de cuarcita, polo que todo apunta a que os primeiros poboadores do lugar acudían aquí para extraer o material para fabricar pequenas ferramentas e útiles de caza.
O nacionalista Veiga fixo extensíbel o apoio da Área de Cultura da Deputación, que el xestiona, e da institución museística como é o Museo do Mar, a todas aquelas asociacións que traballen a prol da recuperación do patrimonio material e inmaterial, brindándolle os medios para que se realice unha correcta conservación e difusión dos achádegos que xurdan.