Site icon Crónica3.com A Mariña

Dinamismo e oposición na Mariña

Por Emilio González Legaspi

Se un observa diariamente a prensa e o que nela se publica referido aos diferentes concellos de A Mariña, dámonos conta que existe unha parálise preocupante de acción social. A primeira apreciación é que unha maioría das novas proceden da crítica entre partidos políticos, pero non de iniciativas útiles á sociedade. Vemos tamén que a actividade céntrase nos concellos costeiros, sobre todo Ribadeo, Viveiro, Foz e Burela, pola contra, os concellos interiores pasan meses sen iniciativas de interese público salientables. Dá a sensación de que non existisen. Isto explica que, cando aparecen datos de poboación, móstrase unha inercia de despoboamento dos concellos interiores cara os mariñeiros.

Politicamente a inanición é manifesta. Na maioría dos concellos a oposición, sexa do partido que sexa, está desaparecida, e cando aparece é para facer demagoxia e desgaste do partido gobernante, sen importarlles as necesidades reais dos veciños e sen aportar alternativas ou propostas de melloras para o ben común. As razóns desta situación poden ser múltiples: desinterese, falta motivación, escaso apoio social, desorganización, etc. A sociedade debera darse conta que isto é contraproducente para os intereses xerais, pois sen oposición os gobernos reláxanse na súa actividade e acaban acomodándose á situación, sabendo que fagan o que fagan, sempre vai ser apoiados no cargo de goberno, por falta de alternativa.

Por outra banda o dinamismo social é moi baixo. A maior parte das asociación de todo tipo, veciñais, deportivas, culturais e sectoriais están relacionadas con partidos políticos e funcionan como correas de transmisión dos intereses partidistas, pero non actúan como garantes dos dereitos cidadáns, que deben ser reclamados a calquera goberno democrático, xa que este debe estar ao servizo da sociedade e non os veciños pedindo favores aos políticos da poltrona.

Nesta situación sería necesario que a sociedade civil se organizase e tomase iniciativas para dinamizar a Mariña en todos os ámbitos: reclamar mellores estradas, pedir servizos sanitarios axeitados, esixir ensino de calidade, demandar empresas produtivas, solicitar servizos nos concellos, denunciar as discriminacións da administración e sobre todo esixirlles aos seus representantes, sexan goberno ou oposición, que cumpran coa función para a que foron elixidos, sobre todo tendo en conta que ninguén lles obrigou a presentarse. Os cidadán deben aprender a exercer os seus dereitos e cumprir as súas obrigas. Só así poderemos saír vitoriosos da parálise actual.

Exit mobile version