BURELA (FNC) .- Dentro da programación de actividades que organiza a Escola de Música de Burela inclúense unha serie de concertos didácticos destinados aos alumnos dos centros de primaria da vila.
Este vindeiro venres 17 de abril terá lugar o primeiro deles, no que participará a Orquestra de Corda da Escola de Música. Segundo explica a edil de Educación, Lucía Bouza, “esta orquestra está formada por rapaces de diferentes idades, comprendidas entre os 10 e os 15 anos. Mostrarán os instrumentos da familia de corda como o violín, a viola, o violonchelo e o contrabaixo, e estarán dirixidos por Xulia Nogueira, profesora da Escola de Música. O repertorio a traballar será unha obra titulada Batalla, do compositor checo Franz Biber. O repertorio escollido, sempre se comenta cos profesores de música dos centros, os cales, con anterioridade ao concerto, xa fan cos escolares unha breve introdución do que van escoitar e así os obxectivos do concerto concretaranse mellor”.
Este primeiro concerto celebrarase o 17 de abril no CEIP Vista Alegre ás 10 da mañá. Faránse dous pases de 25 minutos cada un, dirixidos nesta ocasión aos alumnos de primaria. O segundo concerto terá lugar ás 12 da mañá no CEIP Virxe do Carme e contará igualmente con dous pases de 25 minutos cada un e tamén dirixidos ao alumnado de primaria. Bouza engade que “nesta ocasión, e debido ás características da obra, non se convocará aos alumnos de Educación Infantil, que sí participarán en posteriores encontros”.
A concelleira socialista destaca “a importancia da colaboración da Escola de Música cos centros educativos, xa que serve para reforzar as ensinanzas musicais que reciben os alumnos nos centros e achégaos dun xeito práctico á realidade do mundo da música dándolles a oportunidade de ser partícipes dunha experiencia que de xeito cotián non está ao seu alcance”.