Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela comeza as obras do Fondo Estatal con asfaltados, sinalizacións, alumeados e pinturas

BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o concelleiro de Obras, Pascual Doménech, mantiveron un encontro esta mañá no Concello cos titulares das empresas que realizarán as obras con cargo ó fondo estatal de inversión. Son un total de 15 proxectos que suporán un investimento de 1.600.000 euros. O rexedor explicou que “fixemos esta xuntanza coas empresas ás que se lles adxudicaron de xeito definitivo esas obras e a vindeira semana asinaremos os contratos correspondentes. Tamén quixemos coordinar un pouco os lugares polos que darán comezo para molestar o menos posible ós veciños”.
Llano sinalou que “iniciaránse todas aquelas que poidan estar listas antes da celebración das festas patronais, tales como o pintado e a colocación das sinais horizontais e verticais, a colocación de alumeado novo en moitos puntos da vila e tamén as obras de asfaltado de Vilar, O Cantiño e A Marosa. Todas estas empezarán xa en maio e despois quedarán aló para o mes de xullo as que non teñen tanta urxencia e que ademáis se poden prolongar un pouco máis no tempo”.

Exit mobile version