NOTA DE PRENSA
BARCIA ADVÍRTELLE A VEIGA QUE NIN MENTINDO PODERÁ ZAPARSE DA SÚA RESPONSABILIDADE NO REPARTO DE AXUDAS DA DEPUTACIÓN
• O voceiro adxunto dos populares nega que o seu grupo participara na redacción das bases que rexiron a concesión de axudas culturais e deportivas da Deputación
Lugo, a 14 de abril de 2009.- O voceiro adxunto do Grupo provincial do Partido Popular, José María González Barcia, acusou ó deputado nacionalistas Antonio Veiga de mentir cando asegurou que o Partido Popular participara na redacción das bases reguladoras das subvencións culturais e deportivas.
“O PP, como ben sabe o Sr. Veiga, non estivo presente en ningunha comisión na que se elaboraran as bases que ían rexir a concesión de axudas no ámbito cultural e deportivo nin nas correspondentes ó ano 2008 nin ó 2009”, asegurou González Barcia. “De feito”, segundo puntualizou, “este tipo de subvencións ós concellos apróbanse en xunta de goberno, da que, como o seu propio nome indica, forma parte o equipo de goberno, conformado por socialistas e nacionalistas”.
“Tentar implicar ó Partido Popular neste reparto claramente discriminatorio está fora de lugar e o Sr. Veiga está moi equivocado se considera que deste xeito vai poder zafarse da súa responsabilidade neste asunto”, engadiu.
Onde si houbo representación do Grupo Popular foi, segundo puntualizou Barcia, na comisión de valoración das achegas concedidas. “Pode que o Sr. Veiga non aprecie a diferencia existente entre unha e outra, pero ésta existe e é ademais moi notoria”.
O voceiro adxunto do GPPP indicou asimesmo que non só non se desdice sobre as dúbidas expresadas no seu día sobre a transparencia e equidade no reparto destas axudas senón que se reafirma nas súas críticas. “A Deputación de Lugo practica unha política de subvencións clientelar e caciquil, que desprecia ós concellos e ós colectivos e asociacións que non se consideran afíns ou da mesma corda política que os integrantes do goberno provincial”, asegurou.
Barcia insistiu en que a Deputación non ten ningunha liña de axuda específica para paliar os efectos do “Klaus” nas instalacións deportivas e culturais de competencia municipal, así como en salientar que, ademais de non crear ningunha partida orzamentaria nova para este fin, disminuíuse en 35.000 euros a cuantía asignada a este concepto con respecto ó ano pasado.
O voceiro adxunto do GPPP tamén lamentou que, “debido ó alto ritmo de traballo que caracteriza ós responsables da administración provincial”, o resumo feito onte tras a celebración da xunta de goberno “fose un calco do dito na reunión anterior, a correspondente ó pasado día 3, como delo quedou constancia na prensa do día 4”. “Como non teñen nada novo que anunciar nin nada novo que dicir non lles queda máis remedio que repetir o xa anunciado”, engadiu.