SANTIAGO .- Diante o anuncio por parte do Goberno estatal do Plan para poñer estacións eólicas na costa española, ADEGA considera que non deben poñerse na costa galega sen antes analizar a súa necesidade e as repercusións que terá para a economía dos mariñeiros.
NOTA DE PRENSA:
O departamento da Sra. Espinosa ven de aprobar o “Plano Estratéxico Ambiental do Litoral”, isto é: ábrese a veda para a eólica mariña. En Galiza, a meirande parte da costa é zona de exclusión, aínda que nunha franxa escandalosamente estreita (en vermello). Máis superficie acada a zona onde a explotación estaría “supeditada” a condicionantes ambientais (en amarelo), incluido espazos interiores nas principais rías. Dúas áreas son declaradas aptas (en verde): fronte ás costas de Oia e Tui e na Mariña, entre Burela e Foz. ADEGA rexeita calquera explotación eólica no mar de Galiza porque non atende a criterios de suficiencia, eficiencia e alternatividade, senón ao produtivismo e ao lucro empresarial. O rico mar galego non é o Báltico e non queremos que se repita no mar a desfeita que aconteceu en terra: Galiza xa ten pagado un prezo dabondo alto.
Malia a que no proxecto do governo a maior superficie corresponde ás zonas de exclusión e zonas de desenvolvemento limitado (segundo a Memoria, fundamentalmente por causas ambientais), deixar a valoración destes condicionantes en mans dunha ministra, a Sra. Espinosa, que mentíu descaradamenre a respecto das centrais hidroeléctricas no Sil, non é nada tranquilizador. E iso para os parques de competencia estatal (máis de 50 MW). Para os de competencia autonómica, os de menos de 50 MW en augas interiores, debería ser a Xunta a que decida sobre a súa autorización. O anterior governo xa expresara a súa negativa a autorizar parques eólicos mariños en Galiza, e está por saber cal vai ser a postura dos novos responsábeis autonómicos.
Na terra ou no mar, para ADEGA o debate debería centrarse primeiro na promoción do aforro, da suficiencia e da eficiencia enerxética. Non parece sensato pensar en producir enerxía por riba das nosas necesidades para satisfacer unha demanda allea (Galiza exporta máis do 40% da electricidade que produce) e que as transnacionais eléctricas se encargan de criar. Tampouco parece lóxico incentivar a produción en renovánel se non se substitúen ao tempo as fontes baseadas no consumo de combustíbeis fóseis.
Con todo, ADEGA defende a enerxía eólica sempre que se desenvolva de xeito compatíbel co ambiente e beneficie á cidadanía, non só ás grandes empresas. E se de algo sabemos en Galiza sobre a enerxía eólica é precisamente como NON debe facerse ese desenvolvemento. Parece claro que non ten o mesmo impacto un parque eólico mariño na plataforma danesa que na plataforma galega. O noso mar é un dos máis ricos e fértiles do mundo, por non falar das nosas rías: quen podería avaliar as consecuencias que sobre esta produtividade biolóxica e as comunidades pesqueiras que viven dela poderían ter estas instalacións? Non esquecer tampouco a afección paisaxística, sobre o turismo, sobre a variedade de hábitats e especies protexidas, e aqueles impactos derivados da evacuación da enerxía que habería que sacar a terra con liñas eléctricas e transformadores en primeira liña de costa. Todo isto non aparece valorado neste pomposo “Plano Estratéxico Ambiental do Litoral”.
Coa súa proposta, o estado reincide nos criterios prrodutivistas (producir por producir) que benefician ás grandes empresas e cuxas imensas plusvalías están soportadas nas subvencións públicas por Kw (as renovábeis están suxeitas ao réxime especial) que pagamos todos e todas. Non se ten en conta a Galiza, ao seu mar e ás súas xentes, e sobre todo que este país ten pagada xa unha alta peaxe ambiental pola produción de enerxía, nomeadamente da eólica.