Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberta ao público en Ribadeo a exposición de arte Mariñaarte

RIBADEO .-  Abriu a terceira edición da exposición de arte contemporáneo Mariñaarte no Forte de San Damián en Ribadeo, durante un acto no que tomaron parte o delegado da Área de Cultura de Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, a concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez, e varios dos artistas que expoñen as súa obra nesta mostra. En Mariñaarte poden contemplarse traballos de Jorge Monlongo, David Ribas, David R. Cases, Álvaro Casado, Julia Díaz, Ánxela López, Patricia Gómez, Adriana Pardo, Oliver Requeijo, Esteban Bermúdez e Xosé Quiroga.

NOTA DE PRENSA

A ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN PROMOVE UNHA NOVA EDICIÓN DA EXPOSICIÓN DE ARTE CONTEMPORÁNEO MARIÑAARTE

Antonio Veiga salientou que iniciativas culturais coma esta “fomentan e dan a coñecer a obra e os artistas máis novos da zona da Mariña”

O Forte de San Damián acolle esta mostra ata o vindeiro 26 de abril

LUGO, 4 de abril de 2009. O delegado da Área de Cultura de Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, inaugurou este sábado a terceira edición da exposición de arte contemporáneo Mariñaarte no Forte de San Damián en Ribadeo. No acto tamén estiveron presentes o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, a concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez, e varios dos artistas que expoñen as súa obra nesta mostra.

Nesta última edición, Mariñaarte tenta achegar ao público a obra dos artistas máis novos da comarca da Mariña. Finalmente participan na mostra un total de 11 artistas: Jorge Monlongo, David Ribas, David R. Cases, Álvaro Casado, Julia Díaz, Ánxela López, Patricia Gómez, Adriana Pardo, Oliver Requeijo, Esteban Bermúdez e Xosé Quiroga. A pintura, a fotografía, o performance, a videocreación e a escultura son algunhas das expresión artísticas empregadas por estes autores para plasmar a súa persoal e sorprendente visión do mundo.

Na súa intervención, Antonio Veiga resaltou a importancia da posta en marcha deste tipo de iniciativas culturais que “impulsan e dan a coñecer, nesta ocasión, a obra e os artistas máis novos da Mariña”. Ademais, esta exposición tenta achegar a arte contemporánea actual ao público en xeral pero, poñendo especial énfase en “espertar certa curiosidade por este mundo entre os rapaces e rapazas da zona”.

A elaboración dun catálogo e a posibilidade de que os alumnos de Primaria, ESO, Bacharelato e dos Ciclos Formativos realicen visitas guiadas ao Forte de San Damián completan a oferta cultural vinculada á mostra. Por último, cómpre salientar que a Área de Cultura da Deputación de Lugo colabora co Concello de Ribadeo, La Caixa e outros pequenos comercios na zona que organizan esta terceira edición da exposición Mariñaarte que se poderá visitar ata o vindeiro 26 de abril.

Exit mobile version