Nota de Prensa
A Mesa celebra en Burela unha asemblea aberta para dar a coñecer na Mariña as súas iniciativas en defensa do galego
Santiago de Compostela, 20 de abril de 2009.- A Mesa pola Normalización Lingüística celebrará mañá en Burela, a partir das oito do serán, no local sindical da CIG da vila mariñá (Rúa Arcadio Pardiñas, 137 – 2º dereita), unha asemblea na que informará da campaña que vén de iniciar para animar á cidadanía a tomar parte na manifestación convocada para o vindeiro 17 de maio en defensa do galego.
Á asemblea están convocadas e convocados os máis dun centenar de socias e socios que A Mesa ten na comarca da Mariña. A entidade cidadá en defensa do galego conta en todo o país con máis de 3.500 membros que a converten na principal asociación cultural de Galiza. Para alén de estaren convocados as súas asociadas e asociados, o colectivo cívico remarca que a asemblea terá un carácter aberto, polo que pode asistir á mesma calquera persoa que, aínda non estando asociada, comparta os obxectivos da Mesa e queira contribuír á defensa e normalización da lingua propia de Galiza.
Nesta xuntanza da zona organizativa da Mariña, que abranxe un total de catorce concellos, participará o vicepresidente e coordenador de zonas da Mesa, Fran Rei García.
Entre os obxectivos que a asociación cidadá en defensa da lingua se marca para a comarca salientan, ademais de o de lograr “unha comitiva mariñá o máis numerosa posíbel” para a manifestación do vindeiro 17 de maio en Santiago de Compostela, conseguir “un aumento significativo da afiliación” á entidade en todas as localidades así como “trasladar” ás rúas da Mariña “un discurso realista sobre a situación actual do galego”, que leve á xente “a reflexionar, mais tamén a actuar” e que rompa co “engano” que para a A Mesa é “determinado discurso que fala dunha suposta ‘imposición lingüística’ do galego en Galiza”.
A asociación achegará tamén nas próximas semanas ás distintas localidades da comarca o Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego, promovido por un grupo de artistas, intelectuais, deportistas e outros persoeiros significativos da vida social galega, e que xa leva recollidos máis de 13.500 apoios individuais e máis de 300 colectivos.