Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegación de Mar do concello de Burela organiza un curso de patrón de embarcacións deportivas

BURELA  .- (FNC)A Concellaría de Mar que dirixe Remedios López Villar realizará en Semana Santa un curso de formación  para os interesados en ter o título de patrón de embarcacións deportivas a motor.  Segundo explica a edil socialista “este curso, necesario para patronear lanchas de ata 6 metros de eslora e 40 Kw de potencia, realizarase os días 10 e 11 de Abril nas aulas de Expomar a parte teórica; e nunha lancha, se o tempo o permite, no porto de Burela terá lugar a formación práctica”.
Remedios López lembra que “poderán participar todos aqueles interesados maiores de 18 anos ou maiores de 16 con permiso paterno. O curso está limitado a 20 persoas e o custe será de 200€ ,  ainda que será gratis para todos aqueles que estean empadroados no Concello de Burela”.
A concelleira de Mar sinala que “este curso xa se realizou o ano pasado e cubríronse todas as prazas, co cal este ano esperamos que teña a mesma aceptación. Recordamos, tamén, que temos aberta unha lista para os interesados en facer o curso de Socorrista Acuático, e que se iniciará unha vez que se xunte un mínimo de 15 persoas. Con estes cursos dende a concellería do mar, pretendemos inculcar coñecementos náuticos básicos na poboación para comezar a navegar con seguridade, adquirir coñecementos de sinais e unha pequena formación lexislativa  xa que para Burela o mar é un gran referente”

Exit mobile version