Na súa intervención, Antonio Veiga, resaltou a necesidade de fomentar e impulsar a práctica de calquera disciplina deportiva dende a base. Nesta liña, o delegado da Área de Deporte salientou o labor realizado polo Club Baloncesto Celtas de Foz nos últimos 30 anos en prol do baloncesto na Mariña. Iniciativas coma esta, asegurou o nacionalista, facilitan a consolidación desta práctica deportiva na zona, ao tempo que serven como elemento dinamizador e socializador.
Nesta segunda edición do campionato BasketFoz 09 establécense novamente dúas categorías, a cadete masculino (anos 93 e 94) e junior masculino (92 e 91). No cadro de competición preséntanse oito equipos por categoría. Dous grupos de catro equipos contra todos e as posteriores fases finais. Deste xeito, cada equipo xogará un mínimo de catro encontros, segundo explicou presidente do Club Baloncesto Celtas de Foz. Así, os días 4, 5 e 6 de abril disputarán o torneo na categoría cadete o Estudiantes Lugo, o Ferrol Club Baloncesto Transporte Javier, o Club Baloncesto Corpi (Xixón), o Club Baloncesto Viveiro, o Gayolo Ford Santo Domingo Betanzos, o Aluminio Cortizo Cluny (Santiago), o Grupo Covadonga (Xixón) e o Club Baloncesto Primeira Calidade de Foz. Os días 6,7 e 8 tócaralle a quenda á categoría junior na que participan o Cidade de Lugo, o Ponte Rasacha (Valladolid), o GDB Leça (Portugal), o AP Cambre (A Coruña), o Caixanova Rosalía (Santiago), o Club Baloncesto Corpi (Xixón) e o Club Baloncesto Viveiro.
A Área de Deportes da Deputación de Lugo promove esta iniciativa xunto coa Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral para o Deporte, a Federación Galega de Baloncesto, a Fundación Deporte Galego e o Concello de Foz.