Site icon Crónica3.com A Mariña

Teatro infantil esta fin de semana en Ribadeo coa obra Bicharada

RIBADEO (FNC) .- O vindeiro domingo 15 de marzo os nenos teñen unha cita co teatro en Ribadeo. Un día despois da súa estrea no Teatro Principal de Compostela, a compañía Berrobambán presenta en Ribadeo a obra Bicharada, con Paula Carballeira, Chiqui Pereira e Manolo Panforreteiro entre o elenco de actores. Trátase dun espectáculo aberto a todos os públicos sobre eses grandes monstros que son os animais pequenos que esperamos atopar cando saímos ao campo.

Bicharada poderá verse no Auditorio Hernán Naval o domingo a partires das 17:30 horas. O prezo da entrada é de dous euros. O espectáculo está destinado a nenos a partires de 3 anos de idade.

Ciclo máis preto de ti

Por outra banda, a Concellaría de Cultura dentro do ciclo Máis preto de ti, que achega actividades culturais ás parroquias do rural, programa en Remourelle para o venres 20 de marzo a obra O velorio de Xan de Perolo, representada polo grupo de teatro da A.C. O Castro de Vilaronte. A obra é unha adaptación do texto de Nicolás Bela, Os cravos de prata. É a historia dun vello fungón que vive coa súa muller e coa súa irmá. Pretende finxir a súa morte para desaparecer cunha bolsa chea de ouro e ninguén sabe onde a ten agachada, ao tempo que esixe que lle fagan o velorio e o enterro máis soado de toda a bisbarra. A preparación dese evento é o ambiente axeitado para poñer de relevo temas tan universais como a hipocrisía, a envexa, o egoísmo ou mesmo a falta de piedade.

A representación será ás 21:30 horas na Escola de Remourelle.

Exit mobile version