RIBADEO .- (FNC) A Concellaría da Muller puxo en marcha un novo obradoiro de relaxación para os bebés que participan no programa de Preescolar na casa. Despois do realizado o ano pasado aberto a calquera persoa con nenos pequenos de Ribadeo, este ano organizóuse para nenos e nenas que están participando nese programa. Segundo explica, Luisa González, do CIM “as sesións levanse a cabo en Ribadeo e tamén en Rinlo e Remourelle. Serán 3 sesións dunha hora cada unha nos tres lugares onde se realizan as actividades de Preescolar na casa”. En Ribadeo e Rinlo xa se celebraron as primeiras sesións esta semana. Seguirán en Ribadeo o 23 de marzo e o 27 de abril, en dous grupos de 11:15 a 12:15 horas e de 15:30 a 16:30 horas. En Rinlo continuarán os días 24 de marzo e 14 de abril de 11:30 a 12:30 horas. E no caso de Remourelle este taller de relaxación para bebés será os días 17 e 31 de marzo e o 21 de abril de 11:30 a 12:30 horas.
Neste taller abórdanse cuestións coma o movemento, duración e lugar da masaxe; a técnica da masaxe; a cara; os pés; as pernas e os brazos; a masaxe abdominal; masaxe torácica; masaxe tranquilizadora e masaxe activadora, entre outras. O curso será impartido por María del Mar Laurel León, especialista en masaxe e osteopatía.
Este programa axuda a regular e reforzar as funcións respiratoria, circulatoria e gastrointestinal; axuda a relaxarse e alivio do estrés que produce atoparse diariamente con cousas novas e intensifica a comunicación afectiva entre o bebé e as persoas do seu entorno, estimula o sistema inmunolóxico e propicia un mellor desenvolvemento do sistema nervioso