RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, ven de facer público un listado no que se aprecian as diferenzas de metros declarados e ocupados polos vendedores ambulantes e tamén as diferenzas entre o que pagan e o que deberían pagar seguindo a ordenanza municipal vixente. O rexedor dixo que “un mércores máis desgraciadamente Ribadeo non ten mercado e desde logo desde o Concello de Ribadeo, desde o goberno municipal e o propio alcalde nada máis lonxe da nosa intención que eso sexa así, pero tamén como o goberno municipal e creo que o pobo de Ribadeo xa empezamos a estar un pouco fartos de todo esto e como se leva falando moito nas últimas semanas e nos últimos meses e hai opinión para todos… eu hoxe quixen dar a coñecer publicamente para que todo o mundo o poida avaliar e ver o que pasa, queremos saber porqué se está a facer guerra con esto, porqué se están discutindo as medicións que os funcionarios miden realmente sobre as ocupacións que aí se están instalando e quero demostrar cal é a realidade”.
Suárez Barcia sinalou que “na meirande parte de todos os ambulantes as diferencias que teñen que pagar son moi razoables e moi pequenas e insignificantes, e para unha minoría os incrementos son moi importantes é certo, pero é que as diferenzas do que declaran ao que realmente están a ocupar son escandalosas. De aí que quizais unha minoría quixesen convencer a toda unha totalidade dos ambulantes do mercado para que secundasen as folgas que estivemos a padecer nestes últimos tempos. Polo tanto con todo este listado que hoxe se fai público quero demostrar que desde o Concello para nada queremos cobrarlle a ninguén máis do que marca a ordenanza”.
O alcalde engadiu que “hai multitude de exemplos de vendedores que igual teñen que pagar 3 metros de máis ao mes, 6 metros, 5 metros, 2 metros que poden ser unhas diferenzas de 5 euros ao mes, de 30 euros ao mes, de 14 euros… son os datos que aparecen no listado que estou lendo e efectivamente nalgúns casos, nos menos, as diferenzas poden chegar aos 180 euros ou aos 200 euros. Son diferenzas notables, pero xa saben o que teñen que facer porque llelo teño dito por activa e por pasiva… ou ben de adaptan ao que declaran e ocupan realmente polo que están declarando ou pagan a diferenza si queren ocupar máis, sempre que se poida porque iso ten fisicamente uns límites, ou abandonan o mercado de Ribadeo”.
Fernando Suárez asegurou que “desde que enviamos as notificacións desde decretos nos que se pedía aos ambulantes que se puxesen ao día ou que ían ser expulsados do mercado segundo a propia ordenanza vixente… desde primeiros de marzo ata hoxe hai 9 postos ademais dos que 18 que xa había que puxeron ao día as débedas que tiñan contraídas co Concello ata decembro, non así en xaneiro e febreiro, co que eso pode facer viable que lles poida autorizar a ocupación para este ano 2009”.
O alcalde de Ribadeo pediulles aos vendedores do mercado “sentidiño, que cada un atenda ao seu, que se monte que aquí non teñen ningún problema. Queremos ter mercados, os veciños de Ribadeo queren mercado, pero por favor que se deixen de lerias e de seren amedrentados porque se está dicindo que moitos teñen medo. Pídolles que perdan o medo, que monte, que Ribadeo necesita o mercado, pero iso si todo o mundo ten que pagar segundo a ordenanza vixente e nunca, nunca imos facer deixación de funcións neste aspecto”.