RIBADEO (FNC) .- O Concello de Ribadeo está a adxudicar as primeiras obras con cargo aos fondos estatais de inversión “que foron acordadas entre todos os grupos da Corporación”, segundo lembra o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor sinala que Construccións Gratelu será a empresa que se encargará do arranxo da rúa Lazúrtegui “esa rúa que está por detrás do colexio das monxas e que está nunha situación bastante penosa desde hai tempo. A inversión será de 140.000 euros e esa obra vai complementar a rúa Carlos III que actualmente está tamén en reparación. Polo tanto dentro de pouco tempo todo este entorno bastante céntrico que ata o de agora estaba moi esquecido, espero que con estas obras de humanización e mellora cambie sensiblemente a súa visión”.
Fernando Suárez engade que “hai outro aspecto moi importante tamén que era o último compromiso que desde o punto de vista do Concello tiñamos para co polígono industrial de Ribadeo, que era dotalo de abastecemento de auga potable. Esta obra tamén foi adxudicada á empresa Aquagest por un importe de 75.000 euros e un prazo de execución de 2 meses a partires da acta de replanteo das obras. É previsible que se simultanee o inicio das obras de execución do polígono industrial co inicio tamén das obras de dotación de auga potable a ese parque”.