Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acolle o 31 de marzo o obradoiro “Quérome” dirixido ás mulleres

RIBADEO (FNC) .- A Casa da Xuventude de Ribadeo será escenario o vindeiro 31 de marzo de 19:00 a 21:00 horas dun obradoiro denominado Quérome. Segundo explica a responsable do CIM, Luisa González, “coñecerse a un/unha mesmo/a, escoitarse, sentirse, agarimarse, coidarse… son aspectos que repercuten na autorrealización e na plenitude persoal. O deseño e implementación deste programa pretende construír un lugar de encontro interactivo entre mulleres, co gallo de explorar os múltiples espazos que se debuxan na erótica feminina. Propiciar momentos de conversas e expresións sobre a muller, sobre as valoracións sociais e individuais que se fan da súa sexualidade, mitos e creenzas vencelladas…”.

O obradoiro está destinado ás mulleres de Ribadeo maiores de 18 anos e será impartido por Lucía Carballeira, traballadora social e antropóloga do centro Quérote de Burela. As interesadas en participar poden inscribirse chamando por teléfono ao CIM de Ribadeo. O número é o 982 120 739.

O curso ten coma obxectivos “crear un espazo de conversa e reflexión sobre a sexualidade e a erótica feminina, reflexionar sobre os modelos de educación afectivo sexual e as súas incidencias na sexualidade feminina e impulsar a creatividade e a imaxinación coma elementos potenciadores do pracer, entre outros”.

Exit mobile version