BURELA (FNC) .- A concelleira de Medio Ambiente, Lucía Bouza asegura que en breve rematarán os traballos de limpeza dos ríos que pasan por Burela. Bouza asegura que “estamos a efectuar a limpeza dos ríos que pasan polo noso concello, o río das Pasadiñas e o río da Vila, iste último é o que pasa por Pomeda e vai a desembocar á praia de Ril. Os traballos estánse a facer coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, a través da súa Delegación Provincial”.
A edil socialista considera que “son uns traballos que quedan bastante lucidos, posto que había moitos anos que non se limpaban, a xente que vive arredor deses ríos non se lembran da última vez que se limparon e por iso acumulaban unha grande cantidade de lixo entre as herbas e a maleza que había”. Lucía Bouza engade que “se trata dun traballo agradecido xa que está quedando unha paisaxe bastante curiosa especialmente na zona de Pomeda. Estamos xa a rematar cos traballos e convidamos á xente de Burela a que se achegue a aquela zona que é moi descoñecida e está quedando moi ben para o disfrute do que é o medio ambiente”.