REFLEXIONANDO DESPOIS DE VOTAR
Por Emilio González Legaspi
Nestas terras o tempo soleado dura pouco. Logo veñen as choivas e a néboa e estamos afeitos a andar debaixo do paraugas. O día que escampou, algúns pecharon o paraugas e quedaron abraiados polo sol. Sacaron a roupa e pensaron que nunca máis volverían as nubes.
O PP soubo aproveitar o tempo, traballou coma a formiga e gañou de forma clara e contundente. Parabéns e desexos de que saiba administrar a vitoria con tino para ben de todo o país.
A situación de descontento co goberno do bipartito xa viña de había tempo. Multitude de articulistas e organizacións sindicais e socias viñan avisando, pero o pedestal do goberno impediulles oír as voces discordantes ou non quixeron considerar as críticas cando non cadraban coas dos asesores cegos polos ouropeis de San Caetano. Non souberon diferenciar entre o que era oposición e o descontento.
Nunha análise global dos resultados obsérvase que os que fixeron posible o cambio hai catro anos, acaban de dicirlles ao PSOE e ao BNG que para facer o mesmo que o PP, mellor que o fagan eles que teñen máis experiencia.
O goberno bipartito fixo moitas cousas e grandes innovacións que será difícil volver para atrás, pero non as souberon vender, impedindo que se visualizara o cambio. Fronte ás múltiples cousas positivas, que as houbo, seguiron mantendo a mesma estrutura administrativa, incluso cos mesmo cargos de confianza do anterior goberno. Houbo comportamentos de favoritismo, pero sen a experiencia previa para sacarlles rendemento. Continuaron obras megalómanas de Fraga. Concentráronse exclusivamente na actividade parlamentaria e mediática e esqueceron o contacto coa xente, impedindo oír os sinais de aviso. A ninguén lle gusta que o enganen.
Alén diso, o BNG non soubo aproveitar este tempo para consolidar, aumentar, imbricar e implicar máis na sociedade a organización; en troques gastaron moita enerxía en liortas cainitas e apartando a militantes con prestixio e experiencia. Para proxectar forza, motivación e credibilidade é necesario, previamente, estar unidos como grupo, cousa que non se observa dende a sociedade. Pola contra, eu vin durante a precampaña como a UPG fixo actos por unha banda e os quintanistas por outra. Esperemos que neste tempo de reflexión e análise que non se bote a culpa só a causas alleas á organización, e sexan quen de facer unha autocrítica construtiva que conduza a cambios de comportamento e organizativos. O modelo frontista está esgotado e rematado.
Tempo ha de haber que nesta terra as raiolas chegas despois de longos invernos. Que non se estenda a desesperación.