Site icon Crónica3.com A Mariña

Publicado no DOG o proxecto da subestación eléctrica de Ribadeo para información pública

RIBADEO (FNC) .- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Delegación Provincial de Innovación e Industria de Lugo, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública da subestación eléctrica de Ribadeo. O alcalde, Fernando Suárez, lembra que “ese expediente tamén está a disposición dos veciños que queiran avalialo no Concello de Ribadeo. Nós facilitarémoslles toda a documentación que aquí teñamos a este respecto, ao que ten que ver con esta subestación eléctrica.

Liña de alta tensión

Fernando Suárez referiuse tamén hoxe á liña de alta tensión “que está xerando polémica estes días e nada máis lonxe da nosa intención de favorecer a maior participación e a maior transparencia. Eu debo dicir que actualmente o Concello non ten un proxecto definitivo desta liña de alta tensión, toda vez que aínda se lle están pedindo información ao Concello por parte de determinados departamentos da administración que teñen que facer informes sectoriais como é o caso, por poñer un exemplo, da propia Consellería de Medio Ambiente”.

O alcalde sinala que “a documentación que existe no Concello de Ribadeo pode non ser a definitiva porque tanto o Concello como outras administracións que teñen que informar poden introducir condicionados ao proxecto, que de apreciarse por parte da Consellería de Industria relevancia deberán ser incorporados ao proxecto que aprobe e que se expoña no seu momento como no día de hoxe se está a facer coa subestación eléctrica”.

Suárez Barcia engade que “non obstante e á marxe do procedemento legalmente establecido que ten que comezar coa publicación no DOG das solicitudes de autorización, de aprobación do proxecto e de declaración de utilidade pública da liña de alta tensión, e a partires de aí poderanse facer as oportunas alegacións dos afectados… quero dicir que á marxe deste procedemento legalmente establecido eu, para evitar ruxe-ruxes que están continuamente por aí circulando, quero brindar a posibilidade de que calquera persoa física ou xurídica que considere un interese lexítimo e que o solicite por escrito non teño ningún problema en deixarlles ver a documentación que aquí temos no tocante á liña de alta tensión”. O alcalde segue a relatar “iso si coa advertencia, volvo reiterar, de que o que aquí temos pode non ser o definitivo dado que o Concello pode aportar condicionados, outras administracións pode aportar condicionados e quen está tramitando esto que é a Consellería de Industria pode mandar incorporar correccións ao proxecto que está en trámite”.

Fernando Suárez di que “eu non quero xerar confusión, eu quero brindar a maior información, pero a veces penso que iso pode xerar confusión con cousas que logo non poden ser as que realmente acaben saíndo publicadas. Pero como estou escoitando comentarios nos últimos tempos nada máis lonxe da nosa intención en canto á transparencia e en canto á información máxima que poidamos dar”.

Exit mobile version