Site icon Crónica3.com A Mariña

Para o alcalde de Burela o goberno funciona ben e traballa con rigor

BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, asegura que lle parece “un tanto por non dicir moi esaxerado ese plantexamento do PP de facer un goberno paralelo no Concello”. O rexedor considera que “aquí hai que dicirlle ao pobo de Burela e penso que xa se está enterando bastante ben que estamos a facer, como estamos traballando, do rigor que estamos aplicando en cada unha das nosas actuacións. Eu penso que aquí a coalición de goberno está funcionando ben. Aquí ademais sexan cuestións que veñan dunha consellería ou doutra o que facemos é razoar todo en conxunto e miramos sempre o mellor para Burela independentemente de quen sexa a iniciativa en cuestión”.

Llano engade que “atribuírse que xa está todo gañado e que a alcaldía se pode recuperar con facilidade porque se gañou en todas as mesas… aquí a democracia é o bonito que ten, igual agora mesmo foi así pero igual dentro de dous anos é doutro xeito completamente distinto. Iso é o bonito a participación e que se poida comparar, pero dicir agora mesmo a dous anos vista que isto xa está conquistando e que nos vaiamos apartando, penso que iso quen ten que decidilo sabiamente é o pobo de Burela e o que vai a valorar exactamente o que se está a facer aquí, non porque existan uns resultados inmediatos que foron así por unhas cousas ou por outras xa vaian condicionar todas eleccións que poidan vir no futuro, olliño”.

O rexedor sinala que “aquí estamos traballando ben, estamos traballando para os veciños, estamos potenciando Burela todo o que podemos, estáse facendo todo con rigor e con axilidade. Iso é o bo que hai que facer e deixarse de propoñer gobernos paralelos e de insinuar que aquí está todo feito e todo gañado, diso nada. Aquí hai que ver o traballo diario, o traballo que se leva feito en menos de dous anos e o que se pode facer noutros dous anos, iso é o que hai que valorar. Entendo que teñan impaciencia, pero que se vaian preparando porque teñen que prepararse, pero que non dean nada por feito porque a democracia é moi sabia”.

Exit mobile version