NOTA DE PRENSA
O deputado electo acolle con satisfacción esta nova responsabilidade e adianta que un bo resultado nestes comicios abrirá as portas do cambio na Moncloa, de igual xeito a que o 1 de marzo as abriu en Galicia.
O PP NOMEA A BALSEIRO OROL COORDINADOR DE CAMPAÑA DAS EUROPEAS NA PROVINCIA DE LUGO
• Balseiro Orol foi designado tamén pola dirección do PPdeG como membro do Comité Organizador do Congreso Rexional que terá lugar o 9 e 10 de maio.
A Mariña, 18 de marzo de 2009.- A dirección provincial do Partido Popular de Lugo acordou nomear a Jose Manuel Balseiro Orol como coordinador de campaña para as vindeiras eleccións europeas na provincia de Lugo. Os comicios nos que estamos chamados a elixir aos futuros europeduptados -aos membros do Parlamento Europeo- terán lugar o 7 de xuño. Precisamente o venres 21 está previsto que Balseiro Orol asista á primeira xuntanza de traballo de cara a esta cita electoral, que terá lugar na sede nacional do PP na rúa Génova.
O deputado mariñán agradece a confianza que nel deposita a cúpula do seu partido e adianta que acolle con satisfacción esta nova responsabilidade. “O 1 de marzo abríronse as portas do cambio en Galicia e o 7 de xullo abriranse as da Moncloa, da man da vitoria nas eleccións europeas” – afirma Balseiro Orol
EXCELENTES RESULTADOS ELECTORAIS
Na designación do dirixente político mariñán como coordinador electoral do Partido Popular de Lugo para as vindeiras eleccións europeas non só influíu o feito de que o deputado electo sexa o Secretario Xeral desta formación política na nosa provincia, senón tamén os excelentes resultados acadados polo PP nas pasadas eleccións. De xeito especial, foron determinantes os bos datos na Mariña lucense onde os populares lograron a vitoria electoral en todos os concellos da nosa comarca, excepto na Pontenova, incluído naqueles nos que a día de hoxe existe unha alcaldía doutra cor política.
COMITÉ ORGANIZADOR DO CONGRESO REXIONAL
Tamén Balseiro Orol recibe boas novas da dirección rexional. Neste caso, o Partido Popular de Galicia acordou designar ao deputado electo popular como membro do Comité Organizador do futuro Congreso do PPdeG. O cónclave popular terá lugar os días 9 e 10 de maio en ten entre os seus obxectivos prioritarios abondar na modernización do partido e refortalecer a súa estrutura interna, agora que ademais os populares asumen a responsabilidade de Goberno na Xunta. Baixo o título “seguir, sumar e gañar” a celebrarase tras as eleccións autonómicas nas que os populares obtiveron unha vitoria histórica e indiscutible.