NOTA DE PRENSA
O Partido Popular de Cervo reclama a execución do último treito desta vía que transcorre desde a Estatua de San Román ata a zona de A Puida, unha estrada moi transitado polas veciñas e veciños destas parroquias cervenses
OS POPULARES EMPRAZAN Á DEPUTACIÓN A INICIAR OS TRABALLOS DE MELLORA DA ESTRADA RUA-BURELA PENDENTES DE EXECUCIÓN DESDE SETEMBRO DE 2006
* O Goberno provincial do PP adxudicou estas actuacións á empresa Cazás S.L. e contemplando un orzamento de execución superior aos 360.000 €.
Cervo, 23 de marzo de 2009.- O Partido Popular de Cervo, a través da súa edil Yolanda Pedreira, vén de emprazar á Deputación provincial de Lugo a que dea inicio aos traballos de mellora da estrada entre a localidade cervense de Rúa e o veciño municipio de Burela, actuación pendente de execución desde setembro de 2006, data na que o anterior Executivo provincial do Partido Popular adxudicou a obra á empresa Cazás S.L. encargada de desenvolver estes traballos.
A edila popular explica que o espazo desta vía que transcorre desde a Estatua de San Román ata a zona de A Puida (Puntos quilométricos 2,60 a 5,40) é o último treito desta estrada que permanece sen amañarse, todo iso, pese a que ser un dos máis transitados polos veciños das parroquias cervenses de Rúa e San Román de Vilastrofe. De feito esta é a estrada máis directa que poden empregar os veciños destas parroquias cervenses para achegarse ata Burela.
Yolanda Pedreira urxe ao actual Executivo provincial a levar adiante os traballos de ensanche e novo pavimentando deste treito e lembra que, segundo o proxecto de actuación aprobado no seu día polo Partido Popular, contemplábanse máis de 360.000 euros de orzamento e un prazo de execución de tres meses.
Segundo os populares cervenses a magnitude da demora acumulada –pois desde setembro de 2006 non se deron comezado estes traballos- así como tamén a deixadez que caracteriza as actuacións da Deputación de Lugo respecto desta estrada –lembremos que permaneceu sen pavimentar e en moi malas condicións para ser transitada por vehículos durante meses, pese as queixas de veciños e do propio Concello- poñen en evidencia que podemos estar ante un novo caso de incapacidade e pereza do Goberno provincial e, polo tanto reclama, en nome propio e dos veciños, que se aceleren estas actuacións. “Tendo en conta o tempo pasado, xa non hai escusas que vaian” – conclúe Pedreira Cruz.