BURELA (FNC) .- O Concello de Burela concedeu 998 axudas por importe de 39.920 euros dentro da campaña de axudas ás familias no comezo do curso escolar 2008-2009.
A edil de Benestar Social, Neves Cando, lembra que esta iniciativa xurdiu “con dous obxectivos claros, por un lado desde Benestar Social queríamos dar un apoio ás familias por mor do comezo do curso escolar en setembro e de todos os gastos derivados disto e por outro desde a Delegación de Comercio para impulsar e incentivar con esta medida que estas compras de comezo do curso se realizasen en Burela en comercios da nosa vila. Por iso por segundo ano consecutivo lanzamos esta liña de axudas ás familias de Burela que tiveran fillos e fillas censados aquí con idades comprendidas entre os 0 e os 16 anos”. A concelleira nacionalista segue a contar que “estas familias por realizar as compras de comezo de curso en establecementos de Burela e adquirir material escolar, deportivo ou roupa por un importe superior aos 40 euros, recibirían por parte do Concello 40 euros por cada fillo e filla”.
Neves Cando sinala que “no curso 2007-2008 foron presentadas 966 solicitudes de axuda das que foron concedidas 949, quedaron fora 17 porque non cumprían os requisitos da convocatoria. O importe total da campaña pasada foi de máis de 33.000 euros. E neste curso 2008-2009 presentáronse 1.008 solicitudes das que se concederon 998 por un importe de 39.920 euros. Só quedaron fora 10 por non reuniren os requisitos demandados. Onte xa se ingresaron eses cartos a todas as familias beneficiarias”.
A responsable de Benestar Social asegura que “o balance é que case 1.000 axudas foron concedidas ás familias de Burela este ano. Isto supón para nós un éxito e unha satisfacción porque benefician a todas estas familias e porque supón un pulo tamén para o comercio local que non se beneficiou só destes 39.000 euros directos que nós constatamos polos ingresos que fixemos, senón que polas facturas presentadas sabemos que as compras realizadas foron o triple desa cantidade. E eses cartos se quedaron aquí en Burela e non foron para os comercios de fora que era un dos obxectivos que nós queríamos”.