CERVO
Segundo indicou o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o Consorcio fará fronte a este crédito mediante os ingresos que ten previsto percibir polo subministro de auga aos concellos de Burela e Cervo unha vez entre en funcionamento a nova rede.
Villares sinalou tamén que durante a xuntanza os técnicos informáronlles de diversas cuestións de carácter técnico da obra e confirmáronlles que os traballos están a desenvolverse a bo ritmo.
Por outra banda Villares confirmou tamén que tódolos veciños afectados pola ocupación de terreos estaban ao día no cobro das súas correspondentes compensacións económicas “e só despois de que cobraran foi cando nós deixamos que comezaran as obras” sinalou. “É de salientar que os traballos estanse a desenvolver e tal e coma nós sempre reivindicamos. Deron comezo en Rúa e na Senra, porque dende Cervo defendinmos que foran estes núcleos de poboación os que dispuxeran desta infraestrutura en igualdade de condicións que os grandes núcleos” recalcou o Alcalde.
A reunión rematou có recoñecemento dos dereitos de paso e servidume dos donos de fincas e montes anexos aos terreos onde está previsto construír o novo depósito de abastecemento de auga na parroquia de Rúa.
BURELA
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e a tenente de alcalde, Neves Cando asistiron esta mañá á xuntanza do Consorcio de Augas para Cervo e Burela que se celebrou no concello veciño. O rexedor asegura que “fomos informados polos técnicos do discurrir das obras do abastecemento de auga. Dixéronnos que van ben e que se están a cumprir os prazos. Está a ser unha obra maiúscula para os dous concellos e entendo que nos vai dar un servizo moi bo”.
Segundo explica Llano “agora mesmo xa está toda a tubaxe practicamente colocada e estáse mirando de mercar unha boa tecnoloxía para aplicar nas ETAP tanto na Senra como en Rúa. E unha vez xa decidida a tecnoloxía consideramos que quedará totalmente rematada esta obra, e non só quedará rematada senón que a partires de xaneiro de 2010 poderá ser xestionada polo Consorcio esta explotación da auga, tal e como falamos na xuntanza desta mañá. É unha boa noticia porque confirmaría que xa estaría todo rematado e xa formaría parte das atribucións que lle corresponden ao Consorcio”.
O alcalde de Burela engade que “tamén tratamos o inicio dos trámites para realizar unha operación de crédito e así poder asumir o compromiso económico coa administración dado que aquí na licitación xa había un acordo de que se ían repartir os gastos ao 60 e ao 40%. Augas de Galicia asumiría o 60% do gasto e o Consorcio o 40% restante, entón para poder facernos cargo do que se leva certificado evidentemente o Consorcio ten que aportar unha cantidade duns dous millóns de euros. Iso significa que temos que ter crédito para facernos cargo desa achega do 40%. E abordamos tamén hoxe o recoñecemento dos dereitos de paso e de servidume polos terreos nos que se instalará o novo depósito en Rúa. Acordamos por unanimidade esta aprobación”.
Alfredo Llano sinala que “hai outra cuestión que temos que tratar máis adiante cando xa se vaian consolidando as obras que é a retirada dos lodos no encoro de Rúa e xa nos imos poñer en contacto con Medio Ambiente para ver a mellor maneira de xestionalos”.
En total, e segundo os datos facilitados polo alcalde de Burela, as obras certificadas no abastecemento de auga de Cervo e Burela ascenden xa a 4,6 millóns de euros.