Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Burela organiza talleres de nutrición para alimentación correcta dos nenos

BURELA (FNC) .- A Delegación de Sanidade do Concello de Burela organiza varios talleres de nutrición “para previr posibles problemas de alimentación nos nenos en idade escolar”, segundo explica a responsable deste departamento, Sonia Fraga.

A edil socialista sinala que “con estes talleres tentaremos evitar que os nenos sufran trastornos ou malos hábitos na alimentación diaria”. Os talleres, que serán impartidos por unha auxiliar de clínica do Concello, terán unha duración de tres días por curso e constan dunha parte teórica e doutra práctica “nas que os rapaces poderán degustar froitas e zumes para que vexan a importancia que teñen na súa alimentación e no seu crecemento. Queremos que sexan conscientes dos beneficios que lles reportará para a saúde e para o benestar ter unha alimentación axeitada e equilibrada”.

Ditos talleres de nutrición serán do 1 ao 21 de abril nos ciclos de primaria do colexio Vista Alegre de Burela, en maio será a quenda para os alumnos de infantil e despois os talleres chegarán ao colexio Virxe do Carme. Sonia Fraga di que no caso dos máis pequenos “tomarán a froita picada e en batidos para que a súa inxesta sexa máis doada”.

Exit mobile version