Site icon Crónica3.com A Mariña

O CCA regalará tickets para deixar aos nenos nos centros de lecer infantís de Ribadeo

RIBADEO (FNC) .- O Centro Comercial Aberto de Ribadeo regalará do 1 ao 13 de abril, a aquelas persoas que realicen as súas compras nos establecementos asociados, tickets dunha hora diaria para deixar os nenos nos centros de lecer infantil da localidade, Dubidú e Chiquiland. A xerente do CCA, Beatriz Irigoyen, sinala que “o que pretendemos é facilitar aos pais as compras e as xestións nestes días nos que os rapaces teñen vacacións e moito tempo libre. Queremos que os adultos compren con tranquilidade”. Esta campaña xa se desenvolveu noutras épocas como Nadal, rebaixas e entroido “e tivo unha gran acollida entre os clientes dos nosos establecementos en Ribadeo”.

Campaña do pai

Por outra banda, o CCA entregou xa a maioría dos 39 premios postos en xogo dentro da campaña do pai que se puña en marcha fai un par de semanas. Beatriz Irigoyen asegura que “a campaña de ráscalos foi moi cómoda, permitía unha maior participación e tivo moi boa acollida tanto entre os clientes como entre os propietarios dos establecementos asociados”. En total o Centro Comercial Aberto destinou a esta campaña 1.000 euros en vales de compra e en vales para consumir en hostalería. Así se puxeron en xogo 20 premios de 10 euros; 10 premios de 20 euros; 6 premios de 50 euros e 3 premios de 100 euros.

Exit mobile version