NOTA D EPRENSA:
O BNG PREOCUPASE POLA REDACCION DO PLAN XERAL DE ORDENACION MUNICIPAL DE CERVO.
Os nacionalistas temen que co cambio de goberno na Xunta dende o goberno local non se cumpran os prazos do acordo para a súa redacción e aprobación final.
Neste mes debería estar a disposición municipal o informe previo do PXOM
Ao BNG de Cervo preocúpalle o cumprimento por parte do goberno municipal dos prazos fixados pola axuda concedida ao concello de Cervo pola Consellaría de Ordenación do Territorio en abril de 2008. Segundo esa axuda, na que se estipulan prazos de trámite, a empresa redactora debería poñer a disposición municipal o informe previo neste mes de marzo, en febreiro de 2010 a aprobación inicial, en abril de 2012 a aprobación provisional e en maio de 2012 a aprobación definitiva.
O BNG teme que co cambio de goberno na Xunta de Galiza, o goberno local relaxe o cumprimento dos prazos estipulados polo anterior goberno autonómico, tal como sucedeu en anteriores ocasións onde se deberon devolver axudas económicas concedidas por non executarse en prazo; preocúpanos que a propia Xunta non exerza unha presión responsábel para que os concellos actúen neste asunto con dilixencia.
Para o BNG a redacción do PXOM debería ser unha prioridade para o goberno municipal de Cervo, e nin o actual presidido polo Sr. Villares nin o anterior co Sr. Insua mostraron o menor interese por impulsalo, chegando incluso a paralizar a súa redacción no ano 2004, após a presentación pública do avance.
É un feito que nas parroquias rurais estanse a paralizar iniciativas de veciños interesados en construír vivendas unifamiliares, por impedilo as actuais Normas Subsidiarias de Planeamento do ano 1978, como tamén o é, que a vila de San Cibrao especialmente, sufriu nos últimos anos o acoso e destrución das súas sinais de identidade, cun urbanismo feito á carta polo goberno municipal para cumprir os intereses das inmobiliarias, sendo o exemplo do que non se debe facer en urbanismo.
QUEREMOS QUE SE CUMPRAN OS PRAZOS E O PRIMEIRO CADUCA ESTE MES
O BNG estará moi pendente do cumprimento dos prazos estipulados nas axudas concedidas pola Xunta para conceder as axudas, a presentación do informe previo neste mes será para nós a primeira pedra de toque para verificar o cumprimento dos prazos e agardamos a total transparencia por parte do goberno municipal ofrecendo en todo momento toda a información dispoñíbel aos grupos da oposición e aos veciños e veciñas de acordo coa lexislación.