NOTA DE PRENSA (FNC)
O BNG LEVA A PLENO DE NOVO O VINDEIRO LUNS A CREACIÓN DUNHA ÁREA RECREATIVA NA ESPIÑEIRA. OS NACIONALISTAS DIN QUE OS EDIFICIOS RUINOSOS DESE BARRIO CORREN O RISCO DE DESMORONARSE.
Barreiros, 26 de marzo de 2009. O BNG presentou unha moción no Concello de Barreiros para o seu debate no pleno do vindeiro luns solicitando a limpeza de solares abandoados no barrios da Espiñeira e a creación dunha área recreativa.
O voceiro nacionalista, Antonio Veiga, sinala que “o que pretendemos con esta moción é que se cumpra cun acordo que foi tomado en pleno o 3 de outubro de 2003. Naquel momento o BNG presentara unha moción para que aqueles solares abandoados, aquelas edificacións ruinosas que hai na entrada do concello vindo de Foz pola vella N-642 no barrio da Espiñeira se acondicionaran previa negociación cos propietarios, previa negociación cos Ministerios de Medio Ambiente e Fomento, pois é unha zona afectada por Costas, e se acometerá un plan de rexeneración ambiental creando alí un área recreativa”.
Veiga Outeiro manifesta que “a zona con toda a maleza que contén e con eses edificios ruinosos é un perigo para os veciños de barrio e cinco anos e medio despois a grave situación lonxe de mellorar empeorou. Co paso do tempo os edificios corren o risco de desmoronarse incluso con perigo para os que circulan pola vella nacional 642”.
Os nacionalistas din que “cinco anos e medio despois hai que volver a levar ao pleno do Concello de Barreiros esa proposta que aquel día foi aprobada por unanimidade, pero non se tomou ningunha medida efectiva ao respecto. Entón entendemos que desde a unanimidade que houbo hai cinco anos e medio a ver si se volve dar no pleno do luns e que dunha vez por todas se inicien esas xestións co Ministerio de Medio Ambiente, co Ministerio de Fomento e cos propietarios para adecentar a zona e darlle dignidade a todo aquel barrio que está ao lado da entrada do novo polígono industrial”.