Nota de Prensa
NEVES CANDO ASEGURA QUE O PP VIVE FORA DA REALIDADE E QUE SÓ ESTÁ OBSESIONADO CON RECUPERAR O PODER
Burela, 18 de marzo de 2009. A teniente de alcalde de Burela e voceira do grupo municipal do BNG, Neves Cando, fai unha serie de reflexións neste día “para tentar aclararlles as ideas ao PP porque vemos que están moi confusas”. A edil nacionalista lembra que “en Burela gobernan o PSOE e o BNG porque así o decidiron a maioría dos veciños e das veciñas de Burela despois de tan só dous anos de goberno municipal do PP capitaneado polo actual portavoz da oposición o señor González Barcia. Os veciños non quixeron que o PP seguise gobernando en Burela. O seu proxecto sí que estaba esgotado, nada máis tiñan que aportar ao noso pobo e era hora de que deixaran paso a quen sí quere traballar por e para Burela por e para todos os veciños de Burela”.
Neves Cando engade que “fala agora o PP de Burela de crear entre os seus concelleiros áreas de actuación para controlar ás existentes e así actuar de goberno paralelo. Qué curioso que o PP se decida agora a traballar cando non o fixo estando no goberno, pero agora son oposición e iso é o que ten que facer o PP e así poderá comprobar o que se leva feito en todas as concellerías, algunhas delas por certo nin siquera existían ou nada se sabía delas. E é de agradecerlles que agora os concelleiros do PP de Burela vaian traballar gratis controlando ao equipo de goberno cando durante moitos anos cobraron irregularmente e nunca devolveron 24 euros ao día cada vez que simplemente se pasaban polo Concello cando gobernaban”.
A teniente de alcalde de Burela sinala que “os veciños de Burela ven día a día o que se está a traballar desde o goberno municipal. O PP está vivindo fora da realidade e só está obsesionado con recuperar o poder, porque se iso non fose así tería que recoñecer todo o que se están traballando por Burela, en servizos sociais, na mellora do noso pobo, no comercio, no turismo, no deporte, en sanidade, en educación, en cultura e isto só con menos de dous anos de goberno municipal noso en Burela. Dous anos desde que, porque así o quixeron os veciños e veciñas de Burela, o PP perdeu o poder que é o único que parece que lles preocupa. Esta obsesión impídelles ver todo o traballo feito ata o de agora por nós”.
Cando manifesta que o “o PP di que a cidadanía está desmoralizada ante a ineficacia do goberno municipal. Outra proba máis de que o PP vive noutra galaxia e non no noso pobo. Quenes están desmoralizados son eles porque ven que a xente de Burela sí que ve resultados positivos no noso traballo no Concello e non só estudios de viabilidade e proxectos que eran a especialidade do señor González Barcia, pero que despois non se reflexaban en ningún traballo. Falta de traballo e de dedicación era o que había antes co PP e por exemplo simplemente mencionar a perda de 200.000 euros de subvención para a mellora da rúa Eijo Garay que ao final tivemos que pagar entre todos os veciños porque o PP no goberno municipal daquela non fixo o seu traballo”.
A edil nacionalista remata facendo unha invitación “eu invitaría a todos os veciños de Burela a achegarse aos plenos municipais para que puideran comprobar en persoa o que o PP ten que ofrecerles e así poderían ver como se comportan os representantes deste partido político ao natural sen enganar a ninguén. E pídolle ao PP que sexan máis leais cos veciños de Burela e agora que van ter responsabilidades no goberno da Xunta de Galicia que as súas ansias de poder non lles impidan ver a realidade”.